Publicado en: colexio profesional de enxeñaría en informática de galicia (http://www.cpeig.org/portal)
O colexio mantén unha reunión coa Secretaria Xeral de Modernización e Innovación da Xunta de Galicia
Por admin
Creado 25/05/2009 - 19:25

Na xuntanza abordouse o impacto da crise económica no sector TIC, entre outros asuntos de interese para as dúas entidades.

Mar Pereira,  Secretaria Xeral de Modernización e Innovación da Xunta de GaliciaRepresentantes do CPEIG mantiveron unha xuntanza coa Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María del Mar Pereira, o pasado luns, día 25 de maio, en Santiago de Compostela. Entre outras cuestións, abordaron a situación do emprego das TIC perante a crise, aspecto sobre o cal ambas partes concluíron que o sector aínda non se viu tan afectado pola recesión económica coma outros.

Tanto o Presidente, Fernando Suárez Lorenzo, e o Secretario do CPEIG, Juan Antonio Valiño García, coma a Secretaria Xeral coincidiron en sinalar a importancia de apostar polo sector TIC, en particular nas pemes, como xerardor de beneficios e oportunidades para Galicia nun contexto de crise coma o actual. Na conversa mantida, apuntaron posibles colaboracións entre o colexio e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación, entre as que cómpre destacar a difusión e concienciación sobre as TIC mediante o fomento da facturación electrónica, a sinatura electrónica ou a protección de datos, entre outros. Así mesmo, debateron sobre a falla de liderado executivo por parte do persoal do eido TIC coma unha eiva que cómpre atallar canto antes.

No decurso da xuntanza, os representantes colexiais achegáronlle á secretaria xeral un breve resumo das actuacións emprendidas polo CPEIG, dentro das cales subliñaron as xornadas organizadas e os cursos ofrecidos aos colexiados, á parte da decidida defensa tanto dos estudos como da profesión de Enxeñaría en Informática.


URL orixinal: http://www.cpeig.org/portal/node/805