O BNG apoia a regularización da profesión, a creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática e a creación dun corpo específico na Administración galega para titulados en Informática.
Representantes
do
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
mantiveron unha xuntanza o pasado martes, día 17 de febreiro, en
Santiago coa candidata número dous do BNG pola provincia da Coruña,
Ana Pontón, co fin de facerlle chegar as demandas do sector en
relación á situación de desregularización na que se atopan tanto
os estudos como a profesión. Asistiu tamén ao encontro a directora
xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena
Veiguela.
Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG, e Xosé Antón Campos Silva, vicetesoureiro, explicáronlle a Ana Pontón a necesidade de que a profesión de Enxeñaría/Enxeñaría Técnica en Informática quede regulada para que a lei obrigue a unha responsabilidade profesional que na actualidade non existe, co obxecto de "ofrecer un servizo e unha garantía á sociedade, ademais de protexer a cidadanía dos fallos informáticos neglixentes". O reforzo da Enxeñaría Informática redundará, en último termo, no "progreso e competitividade de Galicia e de España", aseguráronlle á candidata nacionalista.
Así mesmo, os representantes colexiais manifestaron na xuntanza mantida que consideran "fundamental" a creación dun corpo específico para a súa titulación na Administración autonómica, de xeito que se aposte "firmemente polos titulados e tituladas nas distintas enxeñarías en Informática como garantes -insistiron- do bo funcionamento dos sistemas informáticos que, cada día, son máis importantes en todos os ámbitos da sociedade, desde o o transporte á saúde, pasando pola Xustiza, a educación e o comercio, entre outros".
Pola súa banda, a candidata nacionalista, ademais de amosarse conforme coa creacón dun corpo específico na Xunta, incidiu no respaldo explícito do BNG á regularización tanto dos estudos como da profesión de Enxeñaría en Informática e asegurou que o seu partido pretende unificar nun único departamento todas as competencias do Goberno da Xunta en materia TIC. Así mesmo, a candidata nacionalista mostrou o apoio do seu partido á creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática. O devandito Consello é unha reclamación compartida polos máis de vinte colexios autonómicos de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática existentes en España. Por ultimo, na reunión abordouse a ideoneidade de crear unha Axencia Galega de Protección de Datos.