Publicado en: colexio profesional de enxeñaría en informática de galicia (http://www.cpeig.org/portal)
Os colexios de enxeñaría en informática coordinarán un estudo do OGSI sobre a situación profesional das enxeñarías informáticas
Por admin
Creado 11/09/2008 - 23:00

Fonte: 
OGSI [1]

O traballo, que inclúe a realización dunha enquisa, realízase en colaboración cos colexios profesionais de enxeñaría e enxeñaría técnica en informática de Galicia e a ACSUG.

logotipo do Observatorio Galego da Sociedade de Información (OGSI)Os colexios profesionais de enxeñaría e enxeñaría técnica en informática de Galicia (CPEIG [2] e CPETIG [3]), conxuntamente co Observatorio Galego da Sociedade da Información, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información [4], están a elaborar un estudo sobre a situación profesional dos enxeñeiros e enxeñeiras técnicos/as en informática galegos. Este traballo inclúe a realización dunha enquisa e o posterior informe de diagnose.

A enquisa estudará a situación dos profesionais das tres titulacións de enxeñaría en informática (Enxeñaría en Informática, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión) egresados das tres universidades galegas. Para iso contará tamén coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego [5] (ACSUG) en representación das universidades.
Para obter un diagnóstico preciso a enquisa inclúe preguntas agrupadas en varios bloques temáticos nos que se recollen todos os aspectos relevantes que contribúan a analizar o perfil actual deste colectivo. O estudo incluirá, entre outros indicadores, a porcentaxe de enxeñeiros/as que está traballando dentro e fóra de Galicia, a súa distribución xeográfica, o tipo de traballo que están a desenvolver, o tipo de industria e sector que os empregan, as súas necesidades formativas, o grao de satisfacción persoal coa profesión ou as súas expectativas profesionais Os resultados finais do estudo serán publicados para a súa libre distribución na Rede. As persoas participantes na enquisa optarán a un sorteo de premios.

O colectivo profesional dos enxeñeiros/as en informática, está especialmente ligado ao sector das TIC, constituíndo un activo fundamental na construcción da Sociedade da Información e na modernización de Galiza.

Esta iniciativa está emarcada dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información [6] (PEGSI) que pretende poñer en valor todo o potencial de innovación e investigación, definindo as directrices para que o noso país estea en disposición de absorber este conxunto de profesionais altamente cualificados.


URL orixinal: http://www.cpeig.org/portal/node/465

Enlaces:
[1] http://ogsi.sociedadedainformacion.eu/noticia/?no_cache=1&tx_ttnews[tt_news]=24538&tx_ttnews[backPid]=1&cHash=1cb89c8b3e
[2] http://www.cpeig.org/portal/
[3] http://cpetig.org/
[4] http://www.conselleriaiei.org/ga/dxpisi/index.php
[5] http://www.acsug.es/webs/portada.php
[6] http://www.sociedadedainformacion.eu/pegsi/index.php?txt=pegsi_presentacion&lg=gal