O colexio asiste ao acto de presentación do primeiro informe do Observatorio da Lingua Galega
O colexio participou activamente nos panéis de escoita que celebrou o observatorio para a valoración cualitativa da situación da lingua galega.
O colexio asistiu ao acto de presentación do primeiro informe do Observatorio da Lingua Galega, organismo co cal o CPEIG colaborou activamente participando nun panel de escoita sobre o galego no eido das TIC.
Durante o acto presentouse a situación do galego no ámbito das TIC mediante datos relativos á cidadanía, á empresa, á Administración e aos produtos de software.
Enfoque
O traballo do Observatorio realízase a partir de dous enfoques:
- Cuantitativo: enquisas realizadas á cidadanía, a empresa, a Administración e as empresas de produtos de software.
- Cualitativo:
paneis de escoita, reunións ás que asistiron representantes das
tecnoloxías da información e da comunicación para opinar sobre diversos
temas relacionados cos usos lingüísticos nos produtos de software e nas
TIC.
Para
poder comprobar como evoluciona a situación da lingua galega
estableceranse unha serie de indicadores que facilitarán a análise
desta evolución dun xeito periódico, eficaz e sistemático.
Conclusións do informe
As
principais conclusións que se desprenden da observación realizada no
ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación son as que se
relacionan a continuación:
- Entre a cidadanía existe un claro
predominio do castelán no que respecta á utilización de programas
informáticos, nos correos electrónicos, nos programas de mensaxería
instantánea e nas páxinas web.
- No ámbito empresarial, o uso da
lingua galega nas TIC conta cunha presenza moi reducida, tanto nas
interfaces dos programas informáticos, como nas páxinas web e nos
correos electrónicos, e tamén se constata un uso escaso dos recursos
lingüísticos existentes.
- No caso do uso do galego nas TIC na
Administración, existen dúas situacións opostas: o galego é minoritario
na Administración Xeral do Estado, mentres que é a lingua predominante
na Xunta de Galicia e nos concellos. De feito,as administración
autonómica e local son as principais demandantes de aplicacións en
galego.
- A grandes trazos, o galego conta cunha presenza
reducida nos produtos de software vendidos no último ano en Galicia, o
que se pon tamén de manifesto na facturación das empresas, que procede
en gran medida de produtos vendidos en castelán.
- Constátase
unha falta de demanda do mercado privado de produtos de software en
galego, o que explica que existan poucas aplicacións e programas nesta
lingua.