O colexio maniféstalle á Xunta o desacordo coa política de acceso ao emprego público e demanda a reserva de prazas específicas

Mediante senllas cartas remitidas á secretaria xeral de Modernización e ao director xeral de Función Pública, o CPEIG deixa patente a necesidade de especialización para situar a Galicia na vangarda tecnolóxica.

Símbolo do CPEIGO Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, remitiulle recentemente senllas cartas á secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro Díaz, da Xunta de Galicia, nas que lles traslada o desacordo do colectivo que preside en relación á política de acceso ao emprego público que desenvolve a Xunta de Galicia.

Nas misivas, denúnciase a existencia dunha memoria na que se xustifica a modificación da relación de postos de traballo da Secretaría Xeral de Modernización pola que se crearían novas prazas do grupo A da escala de Sistemas e Tecnoloxías da Información. As funcións a desempeñar polos técnicos "corresponderanse claramente coa Enxeñaría en Informática, aínda que a citada memoria recolle expresamente -detalla Suárez Lorenzo- a posibilidade de que se presenten outras titulacións". O presidente do CPEIG apunta que, "dende o punto de vista do colexio profesional que presido, isto representa unha clara e grave desconsideración cara á Enxeñaría en Informática e aos seus profesionais".

Deste xeito, o presidente do CPEIG, en representación do colectivo de enxeñeiros e enxeñeiras en Informática, trasládalles a demanda da reserva de prazas específicas para a titulación cando así o requiran as necesidades da Xunta de Galicia para "garantir a profesionalidade do traballo informático".

Garantías da titulación

Para o CPEIG, pola importancia da actividade, por razóns de seguridade e responsabilidade, resulta preciso que tales funcións sexan desempeñadas por profesionais cualificados e especialmente formados a tal fin, tal e como garante a correspondente titulación de Enxeñaría en Informática.

 

A carta remata solicitando unha xuntanza conxunta coa secretaria xeral e o director xeral de Función Pública para expoñerlles a necesidade de especialización dunhas prazas de especial relevancia para "situar a Galicia na vangarda tecnolóxica e tratar de acadar unha alternativa satisfactoria para todas as partes".