O colexio lamenta o descoñecemento do Goberno Español sobre a trascendencia de Enxeñaría Informática na sociedade actual

A adxunta primeira do Defensor del Pueblo asina unha carta, baseada en informes de distintos ministerios, como resposta ás queixas promovidas polo ente colexial a prol da regulación da profesión.

Símbolo do CPEIGO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), diante da resposta remitida pola adxunta primeira do Defensor del Pueblo, María Luisa Cava de Llano y Carrió, en resposta á queixa presentada por varios/as colexiados/as, quere manifestar o seu total desacordo coa desconsideración que amosa o Goberno central cara á Enxeñaría en Informática e a súa regulación.

Na queixa promovida polo CPEIG e remitida por un número significativo de colexiados/as e titulados/as, solicitábaselle ao Defensor del Pueblo que acordase promover e impulsar desde o seu Gabinete a "adopción de medidas por parte dos diferentes organismos competentes para o regulamento das profesións de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática".

Na resposta remitida pola adxunta primeira ao Defensor del Pueblo, que se basea en informes dos ministerios de Educación, de Industria, Turismo e Comercio, e de Economía e Facenda, recóllense unha serie de aseveracións que non reflicten a realidade da importancia e transcendencia da Enxeñaría en Informática na sociedade actual.

De acordo cos mencionados informes, a carta recolle que consideran que a regulación das profesións de enxeñeiro/a e enxeñeiro/a e enxeñeiros técnico/a informático/a "non parece xustificada posto que non se presta de forma directa a consumidores que requiran dunha especial protección por estar suxeitos a danos graves e irreversibles na súa saúde ou seguridade persoal." Deste xeito, a carta desbota a creación dunha reserva de actividade que "non estaría xustificada en ningún interese público a protexer e prexudicaría seriamente os lexítimos intereses doutros profesionais que hoxe compiten no mercado".

Diante destas aseveracións, o CPEIG quere lembrar a transcendencia da profesión que defende en ámbitos como son a protección de datos (dereito fundamental recollido na Constitución Española) ou na xestión de aeroportos e quirófanos, por poñer só uns exemplos. Para o colexio, a falta de regulación da profesión fomenta o intrusismo, os traballos de baixa calidade e a falla de planificación e recursos.