Diversos actores de referencia no sector TIC galego, entre eles o presidente do CPEIG, reflexionan para Vieiros sobre as implicacións do posíbel paso de R a capital foráneo.
"R é un bombón, e como tal moi atractivo para calquera no sector, e se
alguén o come e ese alguén non é galego... mal negocio para o país".
Así o subliña o escritor e articulista Xavier Alcalá, enxeñeiro de telecomunicacións e director da Oficina de Proxectos Internacionais de I+D+i. Para Antonio Pérez Casas, quen foi cerebro coordinador atrás do primeiro Plan Galego para a Sociedade da Información (o PEGSI),
é dubidoso que unha empresa de capital foráneo tivese ocupado o espazo
e despregado a estratexia que despregou R: "A política empresarial a
longo prazo de R coincidiu cos intereses sociais e económicos do país",
sinala. Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG),
láiase de que a perda do centro de decisión dun referente no eido TIC
demostraría unha importante eiva na capacidade do tecido produtivo e
administracións de apostar polo sector chamado a pilotar un novo modelo
económico. Víctor López, presidente de Eganet,
lamenta a incerteza que crearía o feito de que os órganos de decisión e
a capacidade de innovación e investimento da empresa pasen a estar
rexidos por xente "que non coñeza de primeira man o territorio". Marcus Fernández, subdirector de Código Cero, publicación de referencia no eido tecnolóxico, resume: "R é todo un exemplo a seguir".
A coincidencia de estratexia empresarial coa estratexia de país
Para Xavier Alcalá está claro que se acaba confirmándose que a empresa
galega de telecomunicacións pasa a mans foráneas será un exemplo máis
da negativa tendencia acontecida noutros sectores onde empresas de
referencia foron tamén absorbidas ou vendidas trasladándose os seus
centros de decisión lonxe de Galiza. "Está en xogo novamente
demostrarmos se Galiza é capaz ou non de defender o seu", advirte
Alcalá.
Nos mesmos termos o xulga Fernando Suárez,
advertindo do "contrasentido" que teñen os movementos económicos que
poden levar á venda da empresa. Suárez chama a atención sobre o
paradoxo de estarmos asistindo por unha banda a un debate onde semella
haber consenso sobre a necesidade de que as caixas de aforro manteñan
os seus centros de decisión en Galiza ao tempo que, como efecto
colateral, poidamos asistir á indiferenza fronte ao feito de que unha
empresa de referencia vexa trasladado ese centro de decisión.
"Vímolo outras veces no sector TIC: empresas que invisten non onde é
máis necesario senón onde a rendabilidade se espera que sexa maior e
máis rápida", opina Pérez Casas. Recordando o que, por exemplo,
aconteceu coa extensión das redes de telefonía móbil, ao seu entender,
Galiza estaba "condenada" a acceder "outra vez en último lugar" a
servizos básicos. Criterios socioeconómicos ou a propia dispersión
xeográfica terían freado o despregue da fibra óptica de non ter sido
pilotada por unha empresa "de capital galego" que tivese claro que a
súa estratexia debía pasar por crear "novas formas de facer negocio e
expansión no territorio".
Sobre a hipotética venda
pregúntase Marcus Fernández sobre os motivos que poidan argumentarse
para vender agora R. Lembra Marcus que a nivel estatal as empresas de
fibra óptica sufriron dun acelerado proceso de absorción que deixou
apenas a galega e a vasca como actores independentes nas súas
respectivas comunidades autónomas. Nese contexto, a solidez dos números
e a rendabilidade demostrou ser un aval para que R permanecese nas mans
de capital galego. Dado que esa rendabilidade e o potencial permanece,
coinciden os expertos consultados por Vieiros en dubidar sobre a
necesidade de que R cambie agora de mans.
Un proxecto que chegou tarde pero que se consolidou en tempo récord
"Tiña que ter estado funcionando quince anos antes, pero é un exemplo
de libro do que é un caso de éxito no sector", debulla Xavier Alcalá. O
profesor ferrolán recorda que o propio despregue das redes de cabo no
Estado español topou co atranco político estabelecido desde o executivo
estatal. Alcalá atribúelle ao ex ministro Borrell a responsabilidade no
seu momento de frear a introdución da fibra óptica debido ao estreito
vencello da administración con Telefónica, a empresa monopolística no
sector das telecomunicacións. Nesta conxuntura R chegou tarde para
axudar a corrixir a fenda dixital do país, mais demostrou unha
extraordinaria "vontade de avanzar" e froito dunha exitosa xestión
axiña chimpou ao máis alto.
"De ir sempre por tras, Galiza
pasa a ter unha empresa de referencia a nivel europeo no sector",
valora Fernando Suárez, para quen a aparición no escenario de R supón
un "salto cualitativo" decisivo para o país. Nesa liña, Marcus
Fernández pon o acento no valor que para Galiza supón pasar a ter unha
operadora no eido das comunicacións que deseña a súa estratexia desde
un criterio de proximidade, que achega tecnoloxía punteira de banda
larga e que mesmo ofrece atención ao público na lingua do país.
Frouxo impacto a curto prazo pero pau estratéxico cara ao futuro
"Só unha empresa de capital galego e que quixese facer unha aposta a
longo prazo tería mantido a estratexia de R", avisa Pérez Casas,
chamando a atención ademais sobre o feito de que sexa un grupo xestor
de capital risco o que poida asumir o seu control a partir de agora.
"Ese tipo de grupos planifican na procura do máximo beneficio no curto
prazo", afirma, agoirando que o desenvolvemento de novas
infraestruturas e os investimentos a longo prazo no sector con
seguridade quedarían paralizados.
"O futuro de R está
garantido", afirma Víctor López ao respecto do curto prazo. A condición
da empresa de operador "autóctono" non poría en perigo de
desmantelamento a compañía, segundo analiza. "Desde o punto de vista da
prestación de servizos non hai risco", comenta López, indicando que a
empresa ten claro "onde están e quen son os seus clientes". Outra
cuestión sería, apunta o presidente de Eganet, que os plans dos novos
propietarios fosen aproveitar a empresa como plataforma para a
captación de novos mercados fóra de Galiza. Nesa liña, Marcus Fernández
tamén considera que se ben non afectará de xeito decisivo e a curto
prazo ao conxunto do sector, "toda vez que R tampouco fixo grandes
apostas tecnolóxicas fóra do seu negocio", si implica unha perda
significativa pola súa condición de referente. O subdirector de Código
Cero agoira que esa perda do centro de decisión da empresa pode
implicar impacto negativo a moitos niveis para a sociedade galega non
só polas posíbeis consecuencias a nivel laboral para o actual cadro de
traballadores, senón tamén pola propia desaparición dun actor de
referencia nos mercados.
Referencia e inspiración e capacidade de arrastre para o sector
"Foi unha aposta de país", valora Alcalá, recordando ademais as axudas
públicas que ao longo do tempo tamén inxectou a administración en
beneficio da empresa e avaliando que R estaría na actualidade entre as
empresas punteiras do sector a nivel da Unión Europea tanto pola súa
xestión, como polas tecnoloxías despregadas.
Galiza avanzou
paseniño no recorte da fenda dixital respecto á media estatal e
europea. Un avance que é máis significativo nos contornos urbanos do
país e onde R demostrou ser actor clave. Víctor López subliña o
positivo punto de inflexión que R implicou para o sector TIC, tanto
para a cidadanía en xeral como para as empresas. Na súa opinión,
empresas como as que forman parte de Eganet poden despregar e deseñar
produtos de maior valor engadido que espreman toda a capacidade e largo
de banda que, en Galiza, R "demostrou ser capaz de ofrecer". "Coa súa
oferta e o despregue da súa infraestrutura, é capaz de fornecer un
servizo que cumpre tamén cos máis elevados requirimentos técnicos",
sinala Víctor López. Para Fernando Suárez, isto demostra que o
desenvolvemento do proxecto empresarial "cumpriu coas expectativas
xeradas". Segundo avalía, o crecemento e a positiva avaliación dos
consumidores son indicadores de que o proxecto conseguiu axiña fornecer
un servizo de calidade e competitivo no seu sector. A condición de
"inspiración" e "referente" son tamén faragullas destacadas por Marcus
Fernández.
Pérez Casas valora ademais moi positivamente a
"aposta arriscada" que a empresa foi capaz de facer en prol do galego e
a capacidade de innovación a todos os niveis. "Demostraron coñecer o
territorio onde se actúa e estar constantemente innovando", explica. "R
é unha das pezas importantes do motor de crecemento do sector TIC en
Galiza", resume.