Facer pública esta vontade de asumir un papel de liderado cara a nova economía de Galicia foi un dos acordos adoptados polo Comité Estratéxico do Cluster TIC Galicia na súa primeira reunión,
celebrada en Santiago de Compostela.
O Cluster TIC Galicia, integrado por máis
dun centenar de entidades pertencentes ao
hipersector das Tecnoloxías da
Información e das Comunicacións, asume o labor de impulsar e liderar o avance
da comunidade autónoma cara un novo modelo económico baseado na innovación, a
produtividade, o valor engadido e o desenvolvemento sostible. Un modelo
asentado no coñecemento que é imprescindible para mellorar a capacidade das
empresas galegas de competir nos mercados globais e, deste xeito, crear emprego
de calidade e garantir o avance económico e social do país.
O hipersector das TIC representa o 2,15%
do PIB de Galicia e emprega a cerca de 14.000 profesionais, cun alto nivel de
cualificación. Malia as actuais dificultades económicas, está conseguindo
manter a calidade do emprego, cun 85,4% de contratación fixa en 2009, o que
representa un incremento respecto ao ano anterior. Segundo un recente estudio
da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnologías de la
Información y Telecomunicaciones de España (AETIC), as empresas do sector prevén un
crecemento do emprego do 4,3% en 2010.
As empresas TIC teñen, ademais, unha
capacidade demostrada para a innovación e, pola súa transversalidade, é dicir,
a súa competencia para desenvolver tecnoloxía que contribúe á mellora da
produtividade en todos os sectores, están en disposición de ser o motor da
necesaria renovación do modelo económico.
A chamada fenda dixital é unha realidade
que coloca a Galicia nunha situación de desvantaxe fronte ao conxunto de
España, a España fronte ao conxunto da UE, e á propia UE fronte aos Estados
Unidos, o sueste asiático e Xapón. Malia iso, Galicia debe saber aproveitar as
súas fortalezas no ámbito das TIC, como a existencia de centros universitarios
de recoñecido prestixio, un tecido industrial consolidado, a presenza de
operadores mundiais e redes locais, ou a demostrada capacidade das empresas
galegas para desenvolver tecnoloxía punteira e posicionarse como líderes en
cambios tecnolóxicos decisivos. O sector conta ademais con entidades de
referencia, como o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia
(Gradiant) ou a Plataforma Tecnolóxica das TIC Vindeira.
Coordinación e suma de forzas
Sumándose a todo iso, o Cluster TIC asume
o compromiso de promover a coordinación de todos os axentes económicos,
sociais, profesionais e académicos, e de traballar a carón das administracións
para desenvolver sinerxias, impulsar a cooperación entre os
distintos actores,
mellorar as vías de financiamento das empresas e facilitar o seu acceso aos
mercados. Como entidade representativa do hipersector, o Cluster TIC Galicia
traballará para ser parte activa na definición de políticas públicas que
incentiven a demanda temperá de tecnoloxía, que impulsen a expansión das redes
de nova xeración e o uso da banda ampla, e que favorezan a competitividade das
empresas da comunidade autónoma. Todo iso nun marco de apoio ao espírito
emprendedor, fomento da iniciativa privada e respecto á libre competencia.
No contexto da globalización, aqueles
países que sexan quen de basear a súa economía na innovación, o coñecemento e
unha industria de valor engadido serán os que gocen dos maiores niveis de
benestar. A clave para o desenvolvemento dese modelo está en impulsar as
Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e Galicia pode facelo.
Comité de Dirección e foto oficial na Cidade da Cultura de Galicia
Na primeira reunión do Comité Estratéxico
acordouse tamén a composición do Comité de Dirección do Cluster TIC Galicia, órgano
executivo da entidade, que queda integrado polas seguintes persoas:
Presidente:
- D. Rafael Valcarce Baiget (Arteixo Telecom, S.A.)
Vicepresidente:
- D. Antonio Rodríguez del Corral (R Cable y Telecomunicaciones de Galicia, S.A.)
Secretario:
- D. Jorge Cebreiros Arce (INEO)
Tesoureiro:
- D. Ricardo Fernández Fernández (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia)
Vogais:
- D. Manuel Balseiro López (Coremain, S.L.)
- D. César Blanco Gómez Academia Postal 3 Vigo, S.L.)
- Dna. María Luz Castro Pena (Factoría de Software e Multimedia -Imaxin-, S.L.)
- D. Gerardo José García Alvela (Sistemas Audiovisuales Itelsis, S.L.)
- Dna. Beatriz Legerén Lago (EGANET)
- D. Ramón María Lois Santos (AETIC-Galicia)
- D. Juan Carlos Suárez Cebreiros (Level Telecom, S.L.)
Antes da súa reunión oficial, os membros
do Comité Estratéxico acudiron á Cidade de Cultura de Galicia co obxecto de
realizar a súa foto de familia nas
dependencias deste proxecto emblemático. Segundo sinalou Rafael Valcarce,
presidente do Cluster TIC Galicia, "a Cidade da Cultura, á marxe doutras
connotacións, representa a aposta de Galicia pola excelencia e por estar en
primeira liña internacional. Nese sentido, é un proxecto que ten puntos en
común co Cluster TIC Galicia, e por iso pensamos que é un marco inmellorable
para a imaxe que representa a verdadeira posta en marcha do Cluster".