Marc Varri alerta que os ataques informáticos poden xerar perdas económicas mesmo maiores que os atentados do 11-S.
O agregado xurídico da axencia policial federal estadounidense FBI en
España, Marc Varri, advertiu nun seminario en Santiago da crecente
ameaza dos denominados «delitos
cibernéticos».
Estados Unidos constituíu varios organismos destinados a protexer «os
sistemas do Goberno», dixo Varri, pero advertiu de que «un atentado
cibernético contra os sistema financeiros, como por exemplo un banco,
podería ter un impacto desvastador». O axente do FBI subliña que ese
tipo de atentados «poderían xerar perdas económicas maiores que, por
exemplo, os atentados do 11 de setembro» do 2001 contra as torres
xemelgas de Nova York, o edificio do Pentágono en Washington e outros
obxectivos, que sementaron o pánico no país e a conmoción en todo o
mundo.
O representante da citada axencia estatal fixo esta advertencia nunha
mesa redonda sobre «Intelixencia, seguridade e defensa» organizado polo
Centros de Estudos de Seguridade e Defensa (Ceseden) na Universidade de
Santiago. Apuntou que os servizos de intelixencia de EUA constataron
que, malia os cambios de tecnoloxía, «unha cousa que non cambia tan
rapidamente son as leis». Nese sentido, subliñou que se ben a
lexislación protexe ben no territorio aos cidadáns estadounidenses en
materia de telecomunicacións, o aumento da multiplicidade de
comunicacións internacionais «fai moi difícil definir que se pode facer
e que non se pode facer legalmente» para intervir conversacións
telefónicas ou correos electrónicos, por exemplo.
Varri destacou que ese é un dos retos e as ameazas aos que se enfrontan
no futuro os servizos de intelixencia non só de Estados Unidos senón
doutros países.
O axente do FBI, que traballou en varios países, sinalou que esa
axencia «foi máis policial que servizo de intelixencia e soubo máis
reaccionar, por exemplo unha vez que houbo atentados terroristas», pero
observou que «a prevención é máis complicada». Concluíu que, para
evitar ese tipo de ameazas, as axencias estatais como o FBI deberán
«adaptarse» e ser «máis pro-activas e menos reactivas».