O Consello da Xunta aprobou
hoxe o decreto polo que se crea e regula o
Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.
O decreto regula o
Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
como
órgano encargado de avaliar a incorporación das novas tecnoloxías á
sociedade e o desenvolvemento da Administración electrónica. Esta nova entidade
é o resultado da integración do Observatorio Galego da Sociedade da Información
co Observatorio da Calidade e da eAdministración de Galicia, que atendían
ámbitos cada vez máis próximos, facendo necesaria unha actuación máis eficiente
que evitase a superposición de ambas as actuacións.
Ademais, búscase
acadar unha maior coherencia e uniformidade no eido da observación da
sociedade da información e a
modernización das administracións públicas de Galicia mediante a integración
das funcións deses dous organismos nun único observatorio.
Coa integración das
funcións de ambos os observatorios, a Xunta actúa de acordo co principio
da eficacia e baixo os criterios de
máxima eficiencia, austeridade e economía organizativa. O Observatorio da
Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) nace así como un
órgano asesor para avaliar a evolución da sociedade da información e a
modernización das administracións públicas de Galicia, así como para participar
e colaborar coas ditas administracións públicas nesas materias, ademais de
contribuír á promoción e extensión das novas tecnoloxías en Galicia. A creación
deste observatorio enmárcase dentro do Plan de Acción para o Desenvolvemento da
Sociedade da Información no ano 2010, que identifica as liñas de actuación
prioritarias que acometerá a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación
Tecnolóxica neste ano.
O OSIMGA funcionará
tamén como un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e
divulgación de datos, información e coñecemento relacionados coa sociedade da
información e a modernización de Galicia.
As principais funcións do novo observatorio adscrito á Secretaría Xeral de
Modernización e Innovación Tecnolóxica serán:
- Desenvolver ou
promover compilacións, estudos e análises de datos que permitan coñecer cunha
visión global o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os posibles problemas
que afecten a extensión da sociedade da información en Galicia e á aplicación
do modelo de eGoberno nas administracións públicas galegas.
- Facilitar
análises comparativas e aliñacións de datos con outros marcos xeográficos.
- Promover o
intercambio de experiencias e información entre administracións, con outros
observatorios, organismos ou entidades.
- Impulsar a
organización de eventos formativos, reunións de expertos ou grupos de traballo.
- Promover e
xestionar a elaboración e difusión de publicacións técnicas, impresas ou
electrónicas, específicas e monográficas ou de publicación periódica.
- Xestionar e
ofrecer periodicamente e, como mínimo, a través dunha web específica,
información sobre o nivel de desenvolvemento da sociedade da información en
Galicia, eventos formativos, noticias de actualidade, ou enlaces con outras
fontes de información, observatorios ou entidades.
- Elaborar e
presentar publicamente informes que reflictan o estado de situación ou a
evolución prevista.
- Facilitar
datos a outros organismos e entidades con competencias específicas na materia.
- Analizar o estado de desenvolvemento da
Sociedade da Información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta
ás mulleres, ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores e aos colectivos
con risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa
incorporación e permanencia activa en condicións de igualdade efectiva.
- Avaliar e servir de elemento para a definición
de políticas públicas en materia de sociedade da información e modernización da
Administración.