Anton Campos, vicetesoureiro do colexio, participou na reunion.
Se a posta en marcha dunha asociación empresarial ten un aquel de
movemento lóxico e natural dos seus compoñentes, pensar nun ente que
integre as diversas asociacións dun sector ben pode levarnos a pensar
que finalmente a razón foi quen de impoñerse. A cousa aínda se enlea
máis, e para mellor, se as diferentes compañías que deciden facer
fronte común baixo os mesmos obxectivos teñen entre mans unha boa parte
do medre tecnolóxico-dixital dun país, neste caso que nos ocupa o noso.
Todo isto vén a conto para falar do Clúster TIC de Galicia,
unha agrupación de agrupacións que se basea en aplicar ao innovador
unha das filosofías máis antigas e sinxelas que existe: a unión fai a
forza. Por certo que o Clúster ten prevista para este vindeiro 11 de
febreiro unha nova asemblea xeral extraordinaria, xuntanza na que está
prevista tomar unha bo número de decisións de especial importancia para
o seu futuro, amais de darlle un pulo definitivo á súa liña de
traballo, obxectivos e directiva (elixirase presidenta/e e membros do
comité estratéxico).
O prazo para participar nela estará aberto
até o 4 de febreiro, non sendo posible a partir de aí admitir novas
altas, actualización de documentación, designacións ou delegacións de
voto. Na web da entidade está dispoñible xa a relación de adheridos á agrupación, ratificados xa na asemblea do 14 de xaneiro.
Máis unión
O Clúster TIC, que aparece integrado por 76 entidades (entre
asociacións profesionais, empresas ou colexios profesionais), estaría
destinado (entre outras cousas) a ser unha imaxe de marca, un punto de
referencia que centralice o que até agora ficou disgregado en esforzos
máis locais. Así se especifica nas súas bases, sendo un dos seus
obxectivos o de é coordinar esforzos para o medre da competitividade e
a internacionalización, en España e no estranxeiro.
A día de hoxe, o Clúster non é novo. A súa andaina xa deu comezo hai un
tempo, ben como proxecto ben como realidade, e mesmo chegou a dar
acubillo á súa primeira asemblea xeral ordinaria. A súa presidenta
provisional, Beatriz Legerén (responsable tamén de EGANET, asociacións
impulsora), ve nesta proposta a gran oportunidade que procuraba Galicia
e máis polo miúdo o seu sector dixital para dar o chimpo definitivo ao
mundo. O potencial non é pequeno: o sector TIC é un dos máis
salientables da nosa terra e conta cun bo número de empresas de renome
e cunhas asociacións e colexios de gran experiencia.
Dalgún xeito, o Clúster TIC pon orde nun panorama até o de agora moi
fragmentado de iniciativas a prol da promoción e produción das novas
tecnoloxías, con todo o que iso (a centralización e coordinación de
esforzos) ten de positivo para o resto dos nosos sectores, todos
demandantes de produtos TIC en maior ou menor medida. De aí que ao eido
empresarial que nos ocupa se lle chame “sector transversal”: adiántase
cara ao que ten xusto ante os ollos e beneficia igualmente a quen ten á súa beira.
Porén, cómpre desbotar a idea de que se trata dun tecido produtivo
homoxéneo. De feito, é probable que nesta variedade de propostas
empresarias que aglutina resida en parte a disgregación asociativa da
que se xorde. O abano é amplo: hai firmas que se ocupan de desenvolver
software e outras de deseñar hardware de todo tipo, sobre todo
electrónica para o lecer; pero tamén hai operadores de telefonía,
empresas que collen polo vieiro no que se cruzan redes e consultoría e
outras que se insiren plenamente no ámbito das telecomunicacións.
A maiores das compañías que acoden a título persoal, intégranse no Clúster as seguintes asociacións:
-
EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías)
-
INEO (Asociación Multisectorial de Empresas TIC)
-
AETIC-Galicia (Asociación de Empresas TIC de España, Consello de Galicia)
-
COETG (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia)
-
AETG (Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia)
-
CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia)
-
CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia)
-
AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC)