Artigo do Presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, publicado no diario La Voz de Galicia.
Hai aproximadamente un
século afirmaba Ortega e Gasset que non vivimos coa tecnoloxía, senón
que o facemos dentro dela. Esta aseveración tórnase máis real hoxe en
día, onde o termo «sociedade da información» reflicte o protagonismo
que as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) teñen no mundo
actual en todos os ámbitos, xa sexa sociais, económicos, políticos ou
culturais.
A acumulación de información
prodúcese de modo masivo; a relativa ás
persoas é a máis apreciada e
valorada, debido ao poder que confire a quen a posúe. Existen riscos,
como os resultantes da manipulación e interrelación de datos illados
ata obter auténticos perfís de personalidade dos individuos.
É
polo tanto necesaria a defensa do individuo e do seu dereito
fundamental á protección dos seus datos persoais, recollido na propia
Constitución española, e entendida como a súa facultade para decidir
cando e baixo que límites debe revelar datos acerca da súa persoa.
Por
outra parte, a evolución da normativa relacionada coas novas
tecnoloxías a miúdo non é capaz de dar alcance á potencialidade dos
novos servizos proporcionados pola Rede. Froito desta evolución
normativa xorde en España a Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD),
a través da cal se confiren unha serie de dereitos aos usuarios á hora
de ceder os seus datos e con posterioridade á propia cesión.
Estamos
nun momento de auténtica revolución tecnolóxica, organizativa e
empresarial, con especial repercusión nas relacións comerciais e a
decidida aposta das institucións públicas pola e-Administración.
É preciso crear e transmitir confianza aos usuarios para que cedan os
seus datos de carácter persoal e que estes vaian seguros e protexidos
polas redes de ordenadores. O éxito do verdadeiro despregamento do
comercio electrónico e as relacións informáticas coa Administración
dependerán da seguridade ofrecida para que os cidadáns as utilicen,
ademais tendo que terse unha clara percepción da devandita seguridade.
Por
todo o expresado, resulta fundamental o labor de difusión e pedagóxico
en todos os estratos sociais. Froito desta necesidade nacen iniciativas
como a do Consello de Europa e a Comisión Europea celebrando no día de
hoxe o día europeo de protección de datos, cuxo principal obxectivo é
impulsar o coñecemento entre a cidadanía dos dereitos e deberes nesta
materia.
No novo contexto tecnolóxico, a
Enxeñaría en Informática toma cada vez máis relevancia tanto á hora de
estender o coñecemento da lexislación asociada (protección de datos,
propiedade intelectual, comercio electrónico, etcétera) a usuarios e
profesionais, como na implantación e desenvolvemento dos novos sistemas
e tecnoloxías da información. A crecente complexidade destes fai
necesario apoiarse na utilización de ferramentas, normativas e unha
metodoloxía de traballo para poder abordar de modo continuo a auditoría
das medidas establecidas pola LOPD. É aí onde os enxeñeiros en
Informática teremos un papel protagonista nos próximos anos.