PP, PSOE e BNG aprobaron no pleno desta mañá a proposición non de lei para instar ao Goberno do Estado á tramitación e aprobación dunha lei na que se regulen as titulacións e atribucións profesionais das Enxeñarías en Informática
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) congratúlase da aprobación esta mañá no Parlamento galego da proposición non de lei para instar ao Goberno do Estado á tramitación e aprobación dunha lei que regule as titulacións e atribucións profesionais das Enxeñarías en Informática. Partido Popular, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego manifestaron o seu apoio unánime á regularización das Enxeñarías en Informática coa aprobación da iniciativa presentada polo Grupo Parlamentario Popular. Ademais, os tres grupos acordaron introducir na proposición non de lei a relevancia de "escoitar as necesidades do sector" no proceso de regulación.
A solicitude ao Goberno central dunha lei para a creación do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática foi outro dos aspectos debatidos. Neste caso, PPdeG e BNG votaron a favor e o PSdeG abstívose, ao estar tramitándose xa esta iniciativa no Congreso.
A aprobación dunha normativa que regule as Enxeñarías en Informática, equiparándoas ás demais enxeñarías, é unha das principais demandas polas que está traballando o CPEIG, coa organización e participación en diversos actos reivindicativos a nivel autonómico e estatal. O obxectivo final é lograr o recoñecemento da importancia da profesión no desenvolvemento da sociedade actual.