A AI presentou unha denuncia ante a Oficina de Conflitos de Intereses
contra Anxos González Sinde, por entender que o seu nomeamento choca
cos intereses persoais que a ministra mantén coa industria do cine.
Hai dous meses, a Asociación de Internautas facía público un informe
no que
recollía unha serie de incompatibilidades que a AI entendía como
un impedimento ao labor da ministra González Sinde, procedente da
industria do cine. Segundo a AI, a ministra carece da aptitude,
imparcialidade e neutralidade que esixe o desempeño do seu cargo, por
considerar que mantén intereses persoais e familiares na industria cinematográfica.
Agora, a AI deu un paso máis presentado unha denuncia ante a Oficina de Conflitos de Intereses,
tras a recente publicación no BOE da concesión de axudas á industria
cinematográficas por valor de 8 millóns de euros, e que a AI entende
como unha posible ilegalidade.
A Ai ampárase no establecido pola Lei 5/2006, do 10 de abril,
de regulación dos conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos
altos cargos da Administración Xeral do Estado, cuxo obxectivo é
establecer as obrigas que incumben aos membros do Goberno e aos altos
cargos administrativos para previr situacións que poidan orixinar
conflitos de intereses.
A AI apela na súa demanda
entre outros ao artigo 4 da devandita lei, que establece que "hai
conflito de intereses cando os altos cargos interveñen nas decisións
relacionadas con asuntos nos que conflúen á vez intereses do seu posto
público e intereses privados propios, de familiares directos, ou
intereses compartidos con terceiras persoas".
Por todo iso, solicita "a inmediata cesación de toda actividade
derivada do Ministerio de Cultura, en cuxos resultados económicos
puidese ter intereses directos ou indirectos a Excma Sra Dª. Ángeles
González-Sinde, actual Ministra de Cultura" e que impoña as sancións
que correspondan.