O colectivo proponse dotar aos estudantes de novos mecanismos de defensa profesional
A Asociación para o Avance da Informática e a Computación, recentemente
constituída tras as mobilizacións do sector, demanda unha lexislación
que regule o sector da informática para facer valer a importancia que
merecen as distintas titulacións oficiais de Informática.
O colectivo proponse crear un punto de encontro de estudantes
e titulados de todas as titulacións oficiais de Informática, de maneira
que poidan loitar pola defensa global do sector. Ademais, a través
desta nova asociación prevese dotar os estudantes e titulados de
titulacións oficiais de Informática de mecanismos para interactuar de
xeito global e compartir coñecementos.
Os impulsores da Asociación para o Avance da Informática e a
Computación queren mostrar ás administracións a importancia e a
complexidade dos sistemas informáticos, así como a necesidade de crear
un corpo de Informática nestas.
A comunidade de profesionais e estudantes vinculados ao sector
da informática reúnese así en torno a un novo colectivo para facer
forza fronte ao Goberno polo agravio comparativo ao que están sometidos
fronte a outras enxeñarías. «A situación na que se encontra a
informática en España non é de ningún modo a que cabería esperar do
actual motor da sociedade», sinalan, e aproveitando a presenza dun
ministro de Educación procedente do mundo da Universidade, piden que se
teñan en conta as súas demandas á hora de elaborar os novos plans de
estudos e establecer as competencias e atribucións profesionais que
lles corresponden.
A xuízo deste colectivo, a sociedade «non» valora as
titulacións oficiais de Informática», o sector empresarial «ten unha
escasa cultura de como deben levarse a cabo os sistemas informáticos e
a asignación de recursos humanos a un proxecto», e os responsables da
Administración «carecen dos coñecementos tecnolóxicos necesarios» para
valorar como os sistemas informáticos afectan á sociedade.