A Asociación de Internautas invita a subscribir o manifesto "polos dereitos civís, a universalidade e neutralidade da rede" e convoca un acto en Madrid o domingo 24 de maio.
A era dixital está aquí e está a xerar unha redefinición radical do
funcionamento da sociedade, baseado fundamentalmente na capacidade de
intercambio directo e na libre achega de contidos e coñecemento.
Internet non só conseguiu que os xornais cheguen tarde, que as
audiencias en televisión se estanquen, ao igual que sucede na radio, e
que uns e outros perdan o poder de silenciar aquilo que non interesa.
Tamén logrou xerar un sistema de información global e compartida, onde
a manipulación é cada vez máis difícil e no que o cidadán cobra un novo
protagonismo deixando de ser parte da masa indiferenciada para
converterse en cibercidadanía.
O novo escenario tecnolóxico fai posible un diálogo entre os cidadáns
entre si e cos poderes públicos, no que a figura do intermediario ou
representante perde sentido, e iso sucede tanto no terreo económico
coma no político. Por iso cremos que a democracia representativa debe
axustarse aos novos tempos e volverse máis participativa, máis directa,
mais informacional, mais solidaria e global en consonancia coa
sociedade emerxente.
Dende esta perspectiva, a regulación das tecnoloxías da comunicación e
información é o novo campo de batalla onde se libra a loita polos
dereitos civís e queremos chamar a atención sobre determinados puntos:
1º.- O paquete TELECOM
No momento actual, ante a proximidade das eleccións ao Parlamento
Europeo é obrigatorio referirnos ao debate iniciado en xullo de 2008
sobre o paquete TELECOM, que non está a resultar nada pacífico.
O obxecto básico do paquete é o novo espectro radioeléctrico europeo e
a nova rede de banda ancha que se liberará de aquí a 2012 e permitirá
que sexa utilizada polos distribuidores de Internet, accedendo a unha
transmisión aínda máis rápida de información e máis barata. Algo que
non debería supoñer ningún problema.
Non obstante, mediante emendas de última hora que nada tiñan que ver co
obxecto das medidas, pretenderon torpedear as liberdades civís na rede
xa que proxectaban que as autoridades reguladoras nacionais puidesen
impoñer aos ISPs a obriga de traballar conxuntamente coa "policía
privada" dos produtores de contidos e das xestoras de dereitos de
autor, para monitorizar os usuarios cando accedan a sitios "non
seguros", baleirando aos Xuíces e os Tribunais de Xustiza das súas
competencias a favor de actores privados e "medidas técnicas" de
vixilancia e filtrado ou a chamada "computación de confianza"
Os grupos de defensa de dereitos civís na rede de toda Europa
opuxémonos frontalmente a estas medidas e polo momento logramos
frustrar o proxecto liberticida, pero non desisten. Necesitamos a túa
axuda
2º.- Protección e seguridade nas comunicacións electrónicas
Nos últimos tempos, baixo o pretexto da Seguridade, da defensa da
infancia, dos dereitos de autor... pouco importa cual sexa a desculpa,
estase a impoñer unha filosofía da vixilancia que ten por obxectivo
controlar o cidadán e para conseguilo dispón de todo un arsenal
tecnolóxico e un manual de instrucións escrito por G.Orwell: "1984"
Poucos van discutir que o Estado non utilice a tecnoloxía para a loita
contra a delincuencia. Pero un Estado democrático esixe que o Poder
sexa transparente. Por iso as medidas a utilizar, ademais de
respectuosas co réxime de garantías, deben ser públicas e coñecidas,
pois é a única forma que ten o cidadán para esixir o cumprimento da lei
e o respecto dos seus dereitos. Seguridade si, pero non a custa de
dereitos que tanto custaron conseguir. Por iso advertimos da necesidade
de reconsiderar a Directiva 2006/24/CE, e a, Lei 25/2007, do 18 de
outubro, de conservación de datos relativos ás comunicacións
electrónicas e ás redes públicas de comunicacións
3º.- Banda ancha
A sanidade e a educación universal foron as dúas grandes conquistas
sociais do século XX. Hoxe, a incorporación da tecnoloxía é esencial
para que esa universalidade sexa efectiva. O libro deixou de ser o
soporte do coñecemento, tampouco as Universidades son xa as súas
Catedrais. O saber está a pasar á rede.
Por primeira vez na historia da humanidade, as tecnoloxías da
información e comunicación están a facer posible a igualdade de
oportunidades no acceso ao coñecemento. Pero para que esa igualdade
sexa real é preciso que se garanta tamén "a universalidade da banda
ancha" para que calquera persoa poida dispoñer dunha conexión de banda
ancha.
Pero non só por iso, tamén determinados servizos sanitarios e
asistenciais, cada vez en maior medida, préstanse vía telemática e
tamén empeza a ser a forma de relacionarse do cidadán coa
Administración. En definitiva a banda ancha é o presuposto tecnolóxico
sen o cal non é posible o desfrute pleno de dereitos sociais básicos
como a educación e a sanidade. Para que isto sexa posible resulta
imprescindible fixar os valores mínimos esixibles aos provedores no
ancho de banda, independentemente do método de acceso elixido.
Por iso pedimos que se garanta mediante unha Directiva Europea, e unha
Lei Nacional, o acceso mediante banda ancha como servizo universal
4º.- Neutralidade na rede
A neutralidade da rede é un dos grandes principios sobre os que se
construíu Internet. E exprésase basicamente en que todo o que se
transmite na rede se transmita da mesma forma, sen discriminar nin
distinguir o contido dos paquetes. Neutralidade supón aplicar a todos
os datos que circulan pola rede o mesmo tratamento, sen que haxa
prioridade nin xerarquía duns sobre outros e que non se impida a algúns
circular, de forma que a rede sexa sempre a mesma para todo o mundo.
Dende a perspectiva dos dereitos fundamentais, a neutralidade da rede
equivale ao principio de igualdade e non discriminación dos usuarios da
rede e o seu defensa é esencial de cara a evitar que no futuro Internet
remate baixo o control duns poucos.
Por conseguinte pretendemos que a Lei garanta este principio.
5º.- Dereitos de autor e canon
Os abaixo asinantes, se ben entendemos que no século XXI se deben
repensar os dereitos de autor e que estes non poden seguir
prolongándose no tempo constantemente, tamén defendemos que resulta
ineludible a necesidade de restablecer o equilibrio entre o dereito
individual de autor e o dereito colectivo á cultura, e recordamos que a
directiva 2000/31/CE aconsella "pactar códigos de conduta".
Aínda que debemos esforzarnos en harmonizar o "vello" dereito
individual de autor co dereito de todos á cultura, e non só elaborando
códigos de conduta senón tamén explorando novos modelos de negocio. Á
súa vez a Industria de contidos debe asumir que os modelos de negocio
que non poidan competir no novo escenario tecnolóxico, no que se
desenvolve a creación cultural, teñen que desaparecer e non poden
sosterse artificialmente a custa de restrinxir as liberdades civís,
converter o Erario Publico nunha barra libre accesible a uns poucos
para financiar proxectos sen viabilidade económica ou instaurando
privilexios como o canon, que en tempos de crise como o actual, non só
é insolidario, senón profundamente inmoral.
!!!UNETE!!!
MANIFESTO POLA NEUTRALIDADE NA REDE
http://www.internautas.org/acciones/acto24052009/manifiesto.html
ACTO PUBLICO POLA NEUTRALIDADE NA REDE.
Domingo 24 de Maio de 2009
Hora: 12 horas
Praza do Rei (Fronte a Ministerio de Cultura)
Madrid