Un virus informático chamado Conficker infectou hoxe os ordenadores
dos hospitais públicos da rede do Sacyl (Sanidade Castela e León).

O
director xeral de Desenvolvemento Sanitario, Jesús García Cruces,
explicou en declaracións a Efe que "é un virus especialista en redes de
alta capacidade" e que "afectou a toda a rede do Sacyl aínda que os
efectos foron mínimos porque se actuou rapidamente".
"Os técnicos
detectaron que a rede ía máis lenta esta madrugada pero aplicaron o
protocolo de ataque de xeito inmediato, polo que non se produciu ningún
parón", manifestou o director xeral de Desenvolvemento Sanitario.
Jesús
García Cruces pediu desculpas a todos os afectados, aínda que insistiu
en que "a única consecuencia é" que os ordenadores foron máis lentos do
normal".
"Non cremos que sexa un ataque intencionado, pero é un virus perigoso porque é moi mutante", explicou o responsable.
Os
técnicos rematarán hoxe a instalación en todos os ordenadores do
antivirus e dun "parche" ou sistema para impedir que se volva producir
o problema.
Conficker, que tamén se coñece como Downup ou Kido
entre outras denominacións, é un verme informático que fixo a súa
aparición a finais de 2008 e que ataca a sistemas operativos como o
Windows de Microsoft.