O Presidente do CPEIG participa nun amplo artigo publicado no diario Galicia-Hoxe no cal se profundiza na ausencia de recoñecemento da profesión e na grave neglixencia que o Goberno da nación está a cometer neste eido.

Que a estas alturas da película haxa actividades vinculadas coa
sociedade da información e o coñecemento que deben loitar por acadar un
estatus laboral, resulta denigrante. Máis se temos en conta que os
mesmos que defenden o tránsito da era do ladrillo a outra con base nas
novas tecnoloxías prefiren antes regular oficios como o de mestre
falleiro.
As mesmas persoas que defenden o
tránsito do ladrillo á sociedade do coñecemento están pondo trabas ó
proceso, ó negarlle a un dos seus actores protagonistas, os enxeñeiros
informáticos, o status profesional. O mesmo que, sorpréndanse, tramitan
para os mestres falleiros, unha saída laboral moi digna en Levante, e
máis hai unha semana ardeu Valencia coa cremá das Fallas. ¿Estamos na
España da pandeireita, ou pretendemos avanzar cara á das novas
tecnoloxías? Na opinión de Fernando Suárez Lorenzo, presidente do
Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (Cpeig),
este é un "agravio comparativo máis" para o seu colectivo, incapaz a
pesar de arduos esforzos de regular a súa profesión. Só na autonomía,
cífranos en dez mil os estudantes e licenciados que escolleron esta
actividade, dos 95.000 alumnos e uns 120.000 titulados españois.
Mentres
o Goberno socialista evita esta problemática, alegando que a
informática é unha disciplina transversal que non convén regular, o
PSOE presenta no Congreso en Madrid unha proposición non de lei para
regular a profesión dos artistas falleiros e os foguerer dentro da FP.
Para
os informáticos é imprescindible, e máis nestes tempos de crise,
"apostar polas TIC, o que redundaría en maior seguridade e contribuiría
a paliar a mala situación económica".
Mentres,
a "única titulación que garante a calidade dos proxectos informáticos"
segue orfa profesionalmente. Así, non hai ninguén que responda ao final
do proceso de que calquera aplicación, programa ou utilidade cumpre cos
estándares de calidade exixibles.
Sobre se esta
actividade está ben paga, o último estudo da consultora Vitae con base
en 120 procesos de selección que culminaron o ano pasado con contrato
laboral indefinido en Galicia levanta receos entre o colectivo
informático galego. O informe, avalado por Eganet e a Consellería de
Innovación, presenta salarios que se afastan un tanto dos datos que
baralla o Colexio: os seus niveis salariais, sitúanse na banda dos
18.000 a 30.000 euros en máis da metade dos casos. Só un 10% dos
traballadores do sector superarían a cota dos 40.000 euros.
Feijóo prometeulles un alto cargo especialista no ramo
Tan
nova, tan nova é a titulación de Enxeñería Informática, que faltan
interlocutores políticos. Non acadaron, aínda, postos de órdago nas
administracións. Pero os tempos son chegados. O futuro presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co sector antes de entrar en
campaña e deixou dúas mensaxes claras: primeiro, que está a favor e
apostará pola regulación da profesión, e segundo, que no seu Gabinete
haberá algún alto cargo enxeñeiro do ramo. Así nolo confirmou Fernando
Suárez Lorenzo, presidente do Cpeig. A falta de consideración
profesional ós empregados do sector é un cancro na sociedade TIC. A
cúpula das empresas está vetada ós enxeñeiros informáticos, o que se
traduce nunha desidia cara ás vantaxes que o aproveitamento das TIC
pode carrexar na mellora da produtividade e a competitividade dunha
compañía. "Hai que sacar á luz a importancia dos enxeñeiros
informáticos", recalca Suárez Lorenzo.
Aínda por riba, a alta
demanda laboral de profesionais das TIC non se ve reflectida nas
matriculacións en carreiras vinculadas á informática. ¿A que obedece?
Segundo Suárez Lorenzo, ó baixo tirón das carreiras técnicas, que
"requiren un grande esforzo", súmase á "baixa consideración e
recoñecemento social cara ós informáticos".
É máis, en case
ningunha empresa, os profesionais do sector poden presumir de subir na
escala, o que xera un perigoso cóctel que leva á fuga de cerebros:
nivel salarial baixo, grao de responsabilidade nulo e ascenso
imposible, non recoñecer a formación e capacidade, conxúganse para que
"os nosos profesionais miren cara a fóra, sexan captados por
multinacionais con presenza en Galicia, ou vaian traballar a Madrid ou
Barcelona", onde as condicións son mellores. Porque o nivel de
formación dos especialistas en informática que saen das tres
universidades galegas conta con aval internacional. Cada ano, preto de
400 novos titulados, insuficientes para darlle cobertura á propia
demanda galega, saen dos centros de Galicia... e boa parte acaban fóra
da comunidade autónoma.
Os salarios
O programador
Para
un programador que comece, o salario sitúase na banda dos 12.000 ós
18.000 euros brutos/ano; dun bienio de experiencia a catro anos, pode
subir a 24.000. Un senior, ata oito anos, acada os 32.000. Os poucos
que van máis aló, 36.000.
Técnico de sistemas
Como
moito, o encargado de software e hardware, amén de manter e instalar
servidores e outros sistemas (e ocuparse de que funcionen) pode chegar
a cobrar un máximo de 24.000 euros en Galicia. Se está empezando, non
pasa dos 15.000.
Consultor TI
Chave no mundo
das tecnoloxías da información, estes consultores, que estudan as
necesidades TIC dos clientes, deben ter máis de catro anos de
experiencia, polo que cobrarán entre 30.000 e un máximo de 42.000, se
levan máis de oito exercicios.
Os do telemárketing
Pouco
perciben. A xornada completa, e atendendo centos de chamadas diarias,
nos seus comezos non pasan dos 12.000 euros por ano. Despois de catro,
poden chegar, como moito, á cota dos vinte mil.
Recepcionista
Xa
que logo, as empresas TIC tamén os necesitan. Pero non os teñen
demasiado ben tratados. De 8.400 a 12.600 entre cero e dous anos de
experiencia, que chegarán a 18.000 se chegan a aguantar máis dun
cuadrienio.