España necesita un novo impulso para incorporarse ao carro das TIC. Os resultados de diferentes informes sacan as cores aos multimillonarios plans do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
O último informe do Foro Económico Mundial pon, outra vez, de manifesto o atraso tecnolóxico español.
Os colexios profesionais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática consideran que a renovación total do equipo na Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información é unha actuación " sine qua non" para que España non perda o tren das Novas Tecnoloxías.
Así mesmo, os colexios recomendan a creación dunha Secretaría específica para a Sociedade da Información, encargada dos servizos, contidos e promoción tecnolóxica, desvinculada totalmente das canles de comunicación e da influencia dos operadores de telecomunicación e os seus lobbys.
O Foro Económico Mundial publicou recentemente o seu Informe Global sobre Tecnoloxías da Información 2008-2009, no que España queda situada como un país menor no ámbito das TIC na escala mundial (ao nivel de Chipre, Lituania, a República Checa ou Barbados). As conclusións sobre este informe en España son demoledoras:
España ocupa o posto 34 dunha lista de 134 países no índice de adaptación TIC (NRI), elaborado polo devandito informe.
Esta situación afástase moito da Liga de Campións económica onde se supón que España está a xogar.
Descendeu 2 postos nos dous últimos anos, e 8 postos dende a súa primeira aparición no informe (2001-2002).
O informe plasma o rotundo fracaso das políticas españolas en materia de Tecnoloxías Informáticas e da Comunicación (TIC), onde España:
Ocupa a posición 96 no ránking de éxito do goberno en promoción das TIC.
Ocupa a posición 84 no índice sobre a prioridade das TIC para os Gobernos.
Ten a posición 40 nos índices que miden a dispoñibilidade de servizos do goberno on-line e a eficiencia dos gobernos no uso das TIC.
A relevancia deste informe agrávase cando non é o único que saca as
cores ás políticas TIC españolas (o último informe de EUROSTAT sobre o
acceso e uso de Internet na Europa dos 27 tamén plasmaba o atraso
tecnolóxico español, así como o informe de The Economist Intelligence
Unit sobre competitividade tecnolóxica, que situaba a España na
posición 23 dun ránking de 66 países).
Todos estes informes resaltan unha evidencia que o actual equipo da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI) se nega a recoñecer, baixo a consigna de que os devanditos informes non son exactos nas súas medicións (aínda que si unánimes nas súas conclusións): España está a perder o tren das Novas Tecnoloxías.
Un informe publicado pola British Computer Society expón as liñas mestras dos diferentes retos aos que se enfronta a informática do futuro (robótica, xestión do coñecemento humano, análise da situación económica, solucións para o fracaso das colleitas, etc), mentres que España dedicou intensamente os seus esforzos a iniciativas do tipo de NEW (Ningunha Empresa sen Web), dominios .es a un euro, así como un desmedido gasto no despregamento da TDT (Televisión Dixital Terrestre), cando todos os expertos fan ver que non se cumprirán os prazos anunciados, e un desenfreo incontrolado na firma de convenios de colaboración (coas súas correspondentes dotacións económicas) para o uso e difusión das TIC por todos os axentes, sen ningún tipo de control, coordinación, ou política de actuación ben definida dende a devandita Secretaría de Estado. Dito doutra forma, e en termos coloquiais, «calquera que acudise á SETSI cun cacito e unha proposta co apelido TIC, saía da devandita Secretaría cun convenio e unha cantidade indecente de euros».
Na actualidade, o Goberno desenvolve o denominado Plan Avanza2 cun presuposto para o exercicio 2.009 de 1.516 millóns de euros. Os colexios profesionais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática queren manifestar o seu escepticismo sobre o éxito deste plan, baseándose no máis que dudable éxito do seu antecesor (o Plan Avanza 1 estaba dotado cun presuposto 5.700 millóns de euros ata 2010), e na ausencia total dunha política clara para a promoción das TIC en España, executable en tempo e forma, e que conte cos profesionais encargados do seu desenvolvemento para garantir a súa plena eficacia.
Por ese motivo, os profesionais da Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática, dende os diferentes colexios profesionais de ámbito autonómico (a SETSI, que é o suposto organismo de tutela, négase a promover a estes organismos á esfera nacional para evitar darlles audiencia e dereito de réplica) recomendan o cesamento fulminante do actual Secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, D. Francisco Ros Perán, e do seu gabinete, e a segregación da dita Secretaría de Estado en dúas Secretarías diferenciadas: Unha Secretaría de Telecomunicacións, encargada das canles de comunicación, e outra, a Secretaría para a Sociedade da Información, cuxo labor sería a de coordinar as políticas de contidos e servizos.
Aínda que esta recomendación contravén as consignas marcadas pola Presidencia do Goberno de non aumentar o número de Secretarías de Estado na actual estrutura ministerial, os profesionais da informática consideran esta Secretaría un paso ineludible para situar a España na posición que por peso internacional lle corresponde, e para que as TIC contribúan de forma eficaz a mellorar a competitividade nacional, aspecto clave para superar a difícil conxuntura económica na que o país se encontra.