Reuníronse hoxe en Santiago para avaliar as medidas conxuntas a prol da regulación da profesión. Na reunión participaron o CPEIG, o CPETIG, a AEIG, as facultades e escolas das tres universidades e os represtantes dos alumnos.
Representantes
dos colectivos profesionais e do profesorado e alumnos das enxeñarías
en informática de Galicia mantiveron hoxe unha xuntanza en Santiago
para avaliar as medidas conxuntas precisas para conseguir a
regulación profesional e académica destas titulacións por parte do
Goberno do Estado. Entre as accións propostas, abordouse a posta en
marcha dunha plataforma galega para a defensa das enxeñarías en
Informática e o apoio á manifestación prevista para o vindeiro
martes na Coruña.
O
encontro permitiu
avanzar na creación dun marco de coordinación e debate de posibles
accións reivindicativas e no establecemento de canles de información
directa e veraz cara os profesionais e estudantes das enxeñarías en
Informática de Galicia. A iniciativa representa un paso máis na
unión de esforzos a prol da equiparación destas titulacións coas
demais enxeñarías.
Na
reunión participaron, en representación do ámbito profesional, o
presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o vogal desta entidade
Miguel Ángel Molinero, xunto co vicepresidente do Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia
(CPETIG), Rubén Cid e mailo secretario da Asociación de Enxeñeiros
en Informática de Galicia (AEIG), Juan Otero. En representación do
eido académico estiveron presentes o decano da Facultade de
Informática da Coruña, Alberto Valderruten; a subdirectora da
Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela; o
director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense,
Enrique Barreiro, e voceiros dos alumnos dos tres centros.