O CPEIG contactara xa no mes de decembro con diferentes departamentos do Goberno central e cos grupos parlamentarios para informalos sobre a necesidade da creación do órgano.

O Colexio Profesional de Enxeñaría
en Informática de Galicia (CPEIG) congratúlase da recente admisión
a trámite da proposición de lei para a creación do Consello Xeral
de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática, presentada
polo Partido Popular no Congreso dos Deputados o pasado día 4 de marzo.
O devandito Consello é unha reclamación compartida polos máis de
vinte colexios autonómicos de Enxeñaría e Enxeñaría técnica en
Informática existentes en España. Para a xunta directiva do CPEIG,
a iniciativa do PP é valorada dun xeito moi positivo "polo respaldo
claro que representa á regulación da nosa profesión".
O
CPEIG, xunto aos demais colexios autonómicos de enxeñeiros e enxeñeiros
técnicos en Informática de toda España, mantivo no mes de decembro
pasado unha intensa campaña de contactos coa Vicepresidencia do Goberno
central e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, así como cos
diferentes grupos parlamentarios con representación no Congreso e no
Senado para trasladarlles a necesidade da creación do Consello Xeral
de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática
Beneficiarios
Os
potenciais beneficiarios da creación do Consello son uns 95.000 alumnos
que nestes momentos están cursando os seus estudos, a cuarta parte
dos estudantes de Enxeñaría de España; así como un total de 120.000
alumnos titulados nos 31 anos de vida destes estudos nos 81 centros
repartidos por todo o territorio español.