O Consello de Universidades aprobou no día 3 de Marzo un acordo
sobre as condicións que deben cumprir os títulos universitarios
vinculados ás Profesións de Enxeñeiro Técnico en Informática e
Enxeñeiro en Informática.
Este acordo supón un apoio e un recoñecemento ás reivindicacións dos Colexios Oficiais e Profesionais de CCII-CONCITI sobre a necesidade da regulación explícita das Profesións de Enxeñeiro Técnico en Informática e Enxeñeiro en Informática.
CCII e CONCITI resérvanse a súa opinión ata non ver publicado en BOE
o contido da ficha e anexos, esperando que o publicado coincida co
establecido na reunión da subcomisión creada para tal efecto o día 23
de Febreiro.
Os Colexios de Enxeñeiros Técnicos e Enxeñeiros en Informática pertencentes a CCII e CONCITI,
queren agradecer a sensibilidade demostrada por parte do ámbito
universitario e do Ministerio de Ciencia e Innovación cara á especial
situación das nosas profesións.
O acordo dos reitores sobre estes títulos no Consello de Universidades e a súa futura remisión para publicación no BOE
marca un paso no camiño correcto, aínda que consideramos e así fixémolo
constar que estes títulos deberían recibir o mesmo tratamento que o
resto das enxeñarías e polo tanto ser establecidos con carácter de
obrigado cumprimento a través dunha Orde Ministerial.
CCII-CONCITI
queren facer constar que foron oídos nas reunións que se levaron a cabo
para a elaboración deste acordo, nelas deixamos patente a nosa postura
en canto a que:
- O acordo e os seus anexos deberían seguir exactamente a mesma estrutura e
contidos (no xenérico) ás ordes ministeriais do resto das enxeñarías.
- O apartado referido á planificación das ensinanzas tanto no Grao como no Máster debería axustarse aos documentos aprobados pola Conferencia de Decanos e Directores de Informática (CODDI) na súa última reunión plenaria, apoiados por CCII-CONCITI e a mesa de atribucións da profesión de Enxeñaría en Informática.
CCII e CONCITI queren mostrar a súa cautela e a reserva de opinións ou actuacións en tanto en canto non se realice a publicación no BOE
do devandito acordo, que permita constatar que as conclusións á que
chegou a subcomisión formada por todos eles en reunión do 23 de
Febreiro foron recollidas e reflectidas de forma fidedigna.
Este
acordo, de confirmarse, suporía unha solicitude expresa por parte do
ámbito universitario da regulación da profesión de Enxeñeiro Técnico en
Informática e Enxeñeiro en Informática aos ministerios competentes:
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Ministerio de Economía
e Facenda. Ministerios que a día de hoxe seguen denegando o dereito de
audiencia aos Colexios nos asuntos e aspectos que afectan á súa
profesión, como a transposición da Directiva de Servizos.
Aproveitamos esta nota de prensa para reiterar as nosas reivindicacións:
- Regulación das profesións de Enxeñeiro Técnico en Informática e
Enxeñeiro en Informática de forma explícita cunhas leis propias e coa
actualización explícita do catálogo de títulos da lei 12/1986 que faga
referencia aos Reais Decretos que establecen as titulacións da nosa
profesión.
- Creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros
Técnicos en Informática e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros
en Informática.
- Igualdade co resto de Enxeñarías en todos os
ámbitos (universitario, profesional, mobilidade europea, dereito de
audiencia, ...)
España necesita e merece unha Enxeñaría
Informática de primeira para competir en progreso co resto de países
máis avanzados do mundo.