O BNG apoia a regularización da profesión, a creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática e a creación dun corpo específico na Administración galega para titulados en Informática.
Representantes
do
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
mantiveron unha xuntanza o pasado martes, día 17 de febreiro, en
Santiago coa candidata número dous do BNG pola provincia da Coruña,
Ana Pontón, co fin de facerlle chegar as demandas do sector en
relación á situación de desregularización na que se atopan tanto
os estudos como a profesión. Asistiu tamén ao encontro a directora
xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena
Veiguela.
Fernando
Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG, e Xosé Antón Campos Silva,
vicetesoureiro, explicáronlle
a Ana Pontón a necesidade de que a profesión de Enxeñaría/Enxeñaría
Técnica en Informática quede regulada para que a lei obrigue a unha
responsabilidade profesional que na actualidade non existe, co
obxecto de "ofrecer un servizo e unha garantía á sociedade,
ademais de protexer a cidadanía dos fallos informáticos
neglixentes". O reforzo da Enxeñaría Informática redundará, en
último termo, no "progreso e competitividade de Galicia e de
España", aseguráronlle á candidata nacionalista.
Así
mesmo, os representantes colexiais manifestaron na
xuntanza mantida que consideran "fundamental" a creación dun
corpo específico para a súa titulación na Administración
autonómica, de xeito que se aposte "firmemente polos titulados e
tituladas nas distintas enxeñarías en Informática como garantes
-insistiron- do bo funcionamento dos sistemas informáticos que, cada
día, son máis importantes en todos os ámbitos da sociedade, desde
o o transporte á saúde, pasando pola Xustiza, a educación e o
comercio, entre outros".
Respaldo explícito da candidata
Pola
súa banda, a candidata
nacionalista, ademais de amosarse conforme coa creacón dun corpo
específico na Xunta, incidiu no respaldo explícito do BNG á
regularización tanto dos estudos como da profesión
de Enxeñaría
en Informática e asegurou que o seu partido pretende unificar nun
único departamento todas as competencias do Goberno da Xunta en
materia TIC. Así mesmo, a candidata nacionalista mostrou o apoio do
seu partido
á creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros e
Enxeñeiros Técnicos en Informática. O devandito Consello é unha
reclamación compartida polos máis de vinte colexios autonómicos de
Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática existentes en
España. Por ultimo, na reunión abordouse a ideoneidade de crear
unha Axencia Galega de Protección de Datos.