O CPEIG inicia con Feijóo unha serie de contactos públicos cos líderes políticos para trasladarlles a problemática da profesión.
O pasado martes, 11 de febreiro, representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática
de Galicia (CPEIG) e do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en
Informática de Galicia (CPETIG) mantiveron unha xuntanza en Santiago
co líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. O Obxectivo deste contro foi trasladarlle as súas
demandas en relación á situación de desregularización na que se atopan tanto os
estudos como a profesión que representan os dous colexios.
Os colexios
trasladáronlle a Feijóo a necesidade de que a profesión de Enxeñaría/Enxeñaría
Técnica en Informática quede regulada para que a lei obrigue a unha
responsabilidade profesional que na actualidade non existe, “co obxecto de
ofrecer un servizo e unha garantía á sociedade, ademais de protexer a cidadanía
dos fallos informáticos neglixentes”. O reforzo da Enxeñaría Informática
redundará, en último termo, no “progreso e competitividade de Galicia e de
España”, aseguráronlle ao político.
Entre os temas tratados na reunión atopánse os seguintes:
Os estudos sen fichas: cómpre lembrar que no
mes de decembro do ano pasado o Goberno aprobou as fichas que regulan os
estudos de certas enxeñarías e enxeñarías técnicas, sen contar coa Informática.
Este feito significa un desprestixio que, en consonancia coa opinión dos dous colexios,
suporá “a desmotivación dos potenciais estudantes de Informática e abrirá o
camiño cara á disgregación do título en infinidade de títulos sen estrutura ou
troncalidade mínima común entre universidades”.
A creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros
Técnicos en Informática. O devandito Consello é
unha reclamación compartida polos máis de vinte colexios autonómicos de
Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática existentes en España.
Situación actual da función pública na Xunta de Galicia.
Asistiron á xuntanza
por parte do CPEIG: Fernando Suárez Lorenzo, presidente; Hernán Vila Pérez,
vicepresidente; Xosé Antón Campos Silva, vicetesoureiro; e Eva Marcos Doldán,
vogal. Como representantes do CPETIG acudiron Carlos Vázquez Suárez,
vicetesoureiro, e Miguel Abad González, vogal.
Está prevista
unha xuntanza co BNG na vindeira semana e pendente o encontro co PSdeG.