O erro atopábase na fórmula destinada a
calcular o importe dos xuros de mora.
O
Concello de Barcelona mantivo durante sete meses de 2006 un erro
informático que lle permitiu recadar máis polas autoliquidacións dos
cidadáns. Del 26 de xaneiro ao 8 de agosto de aquel exercicio "a aplicación informática posta a disposición dos
contribuíntes para formalizar as autoliquidacións do Imposto sobre o
Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana a través de Internet
(autoliquidacións asistidas) contiña un erro na fórmula destinada a
calcular o importe dos xuros de mora extemporáneos" sinala un
informe da Sindicatura de Contas, o Tribunal de Contas catalán.
O
organismo fiscalizador non se estende na cuantificación económica que
supuxo este erro para as arcas municipais, xa que o descubrimento se
realizou este ano durante a revisión do exercicio do 2005. E, a pesar
de recoñecer que, para o volume de operacións que se realizan a través
do Instituto Municipal de Facenda, a xestión é "razoable", si denuncia
prácticas erróneas que sempre supoñen un maior ingreso para a Administración en prexuízo dos contribuíntes.
Este,
non obstante, non era o único fallo na recadación municipal: ata o
2005, se aplicaba un baremo para os impostos que implicaba tamén un
prexuízo para o cidadán. O exemplo escollido pola Sindicatura
demostra que un contribuínte pagou 19.875,40 euros por aplicar este
baremo en vez do correcto. "O cálculo para determinar a base impoñible
do imposto para a constitución ou a tramitación dun dereito de
superficie temporal hase de efectuar do mesmo xeito que para a
constitución ou a transmisión dun dereito de usufruto", advirte o
informe.
Noutra
das autoliquidacións analizadas, por exemplo, unha gran compañía, cunha
cota líquida ingresada de 3.387.838,87 euros "ingresou e pagou en
exceso unha cantidade de 603.159,26 euros". O 4 de xuño de 2008, o
xerente do Instituto Municipal de Facenda acordou devolver o diñeiro
cobrado de máis no 2005, pero ao non o detectar en tres anos, tivo que
aboar unha recarga de 104.624,02 euros de xuros de mora, calculados
dende a data de cobramento efectivo da autoliquidación errónea ata a
data prevista de devolución.
O
Concello xustifícase subliñando que "o departamento de informática do
Instituto Municipal de Facenda ten previsto estudar as medidas
pertinentes para que, nun futuro, se poidan detectar de forma
automática as variacións de valores catastrais que se realicen con
efectos retroactivos, para evitar desfases como o que neste caso se
produciu".
Ingresos 'extraordinarios'
A Sindicatura
tamén detectou outras pequenas irregularidades: non se leva un control
das datas de presentación de alegacións ou de pagamento, polo que o
Concello barcelonés tivo que devolver decenas de miles de euros en
concepto de impostos pagados de máis, ao non practicar as rebaixas
legais por abono dentro do período voluntario. Así, dúas
autoliquidacións sumaron un ingreso "exrtaordinario" para as arcas
municipais de 25.725,79 euros (por un erro na imputación dos anos),
mentres que outras cinco totalizaban 62.357,35 euros. "Hase de facer
constar que, ao tratarse de autoliquidacións, a causa do erro é
imputable ao contribuínte e que estas autoliquidacións aínda non foran
revisadas polo Instituto", advirte a Sindicatura.
Pero
o Concello tivo coñecemento destas o 5 de xuño do 2008, polo que,
ademais de ter que devolver o diñeiro cobrado de máis, haberá de pagar
xuros de mora por non as detectar en tres anos. Segundo o Concello, o
problema é que as autoliquidacións do ano 2005 comezaron a revisarse no
ano 2008, aínda que "tanto en número coma en importe" son pouco
significativas "en relación cos volumes que se xestionan". E máis:
"Sendo detectados estes casos pola Sindicatura, procedeuse á súa regularización, tal e como se fai constar no seu propio informe".
Aínda
así, algúns contribuíntes foron máis afortunados. Durante o ano 2005,
declaráronse prescritos expedientes que totalizaban 29.783,51 euros.
Esta cifra disparouse no ano 2006 ata totalizar 1.418.057,26 euros.
Outra cousa son os créditos incobrables, que no 2005 ascenderon a
335.307,30 euros.