O CPEIG contou co apoio da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de
Galicia para a organización deste evento.
A xornada realizouse o día 27
de novembro, ao amparo dun convenio de colaboración coa Consellería de
Innovación e Industria. A xornada foi clausurada pola
directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da
Consellería de Innovación e Industria, Helena Veiguela Martínez.
Unha das conclusións das xornadas foi que os enxeñeiros/as en informática e
os xornalistas están chamados a colaborar na formación e especialización en
relación coas tecnoloxías da información e da comunicación.
O presidente do colexio, Fernando Suárez, referiuse na súa intervención á actualidade dos profesión e explicou as causas das manifestacións e mobilizacións
que recentemente se desenvolveron nas rúas de varias cidades españolas, entre
elas as galegas. Suárez subliñou que "a falla de regulación da profesión é a
nosa maior eiva posto que se trata da única enxeñería que non ten atribucións
profesionais por lei, o que deriva tanto no intrusismo profesional como na
falla de garantías para a sociedade".
Na súa opinión, "é aquí onde tamén compartimos frontes comúns os
enxeñeiros en informática e os xornalistas: somos profesións cunha necesidade
de regulación e garantía de calidade".
Estas xornadas desenvolvéronse como unha aposta do CPEIG
polo fomento da Sociedade da
Información mediante accións de información,
reflexión e sensibilización.
Os asistentes ó evento tiveron a oportunidade de coñecer as últimas
novidades e debates en materia de ciberxornalismo da man de relatores
especializados como o xornalista e profesor universitario Jesús Miguel Flores
Vivar; o director de Culturagalega.org, Manuel Gago; o profesor e secretario da
Asociación de Periodistas Bloggers, Pedro García-Alonso; o webmaster e
subdirector da revista tecnolóxica Código Cero, Marcus Fernández; o subdirector
de La Voz de Galicia, Carlos Agulló; o xefe de redacción de Vieiros, Roberto
Noguerol; o promotor da plataforma multimedia Galiciae.com, Juan Castro
Rodríguez; o xornalista, consultor de medios e director de Mediathink
Consultores Juan Varela, e o vicedecano e profesor da facultade de Ciencias da
Comunicación da Universidade de Santiago José Pereira Fariña.