O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia condedeu unha entrevista á La Voz de Galicia centrada na crise das Enxeñarías en Informática das últimas semanas.
Máis de 4.000 enxeñeiros informáticos galegos saíron o mércores á rúa
para pedir que se regulen legalmente as súas competencias, para poder
estar na mesma situación que outras enxeñarías. Para Fernando Suárez
Lorenzo (Ferrol, 1973), o panorama actual é malo, pero aínda pode ser
peor cando se comece a adaptación ao novo espazo europeo de ensino
superior.
-¿Cando comezou realmente este problema?
-Pois dende que comezou a impartirse esta titulación. Hai unha lei moi
antiga que rexe as regulacións das profesións. A devandita lei tíñase
que modificar para incluír os enxeñeiros informáticos, pero, hoxe por
hoxe, aínda non se fixo, e estamos en inferioridade de condicións con
calquera outra profesión. Non hai ningunha norma que limite o acceso de
calquera a un traballo de enxeñeiro informático.
-¿Que é o que piden?
-O que reclamamos é que se regule legalmente a nosa profesión, xa que
hai certos campos da informática que teñen que ser desenvolvidos por
enxeñeiros informáticos. É dicir, entendemos que hai varios campos que
deben limitarse aos enxeñeiros informáticos. Isto non quere dicir que
non haxa campos para outros enxeñeiros, pero queremos restrinxir o noso
sector. Non é unha decisión egoísta, senón que intentamos acabar cos
fallos informáticos.
-¿De quen depende a solución do problema?
-Aquí está o problema, e é que hai moitos actores implicados, e uns se
pasan a pelota a outros. Dende a parte académica, o director xeral de
Universidades entende a problemática e está a forzar unha saída a esta
situación, pero é que, ademais do Ministerio de Educación e Ciencia,
están implicados o de Industria e o de Economía, e este último é o que
rexe a regulación das profesións.
-¿A adaptación ao proceso de Bolonia agravará aínda máis a situación?
-Si, porque, como é unha titulación que non está regulada, cada universidade pode decidir establecer uns estudos
informáticos en función das súas necesidades, co que se creará unha
maior confusión, e a enxeñaría informática como tal non vai ter
sentido, vai desaparecer. Co acordo de Bolonia o tempo corre na nosa
contra, e consideramos que xa se rematou o tempo do diálogo, hai que
conseguir compromisos concretos xa.