Como valora a creación do Colexio Profesional?
Foi algo moi positivo. Como se dixo no seu momento, foi a noticia máis importante do ano no eido da Informática en Galiza. Era unha necesidade que tiñamos, un obxectivo que perseguimos dende hai 15 anos. Era necesario que houbese un colexio para regular a profesión, para que servise como unha ponte de diálogo do traballo dos informáticos.
Como funciona o colexio? Cales son as súas funcións?
É o representante legal da profesión no ámbito en que ten competencias.
Neste caso, en Galiza, perante a administración autonómica.
Principalmente dedícase á defensa da profesión perante a sociedade.
Avogamos para que se contraten titulados en Enxeñaría Informática como
garante da calidade dos traballos, e como nexo de unión de todos os
titulados de cara ao futuro, con axudas ao emprego, melloras dos seus
coñecementos mediante a organización de cursos, e tamén estamos a
traballar conxuntamente coa administración autonómica, para levar as
TIC a todos os ámbitos sociais. Asinamos dous convenios
con Innovación e Industria: unhas xornadas de difusión das TIC no
xornalismo e tamén un proxecto piloto de uso de certificados dixitais e
sinatura electrónica. O obxectivo é difundir os beneficios das TIC e da
Sociedade da Informaicón na sociedade.
O 19 de novembro convocouse unha folga estatal dos enxeñeiros en Informática. Vostedes apoian esa mobilización?
Este sábado tivemos unha xuntanza en Madrid na que participamos
representantes dos 11 colexios de Enxeñería Informática do Estado
Español. Asinamos un comunicado final de apoio ás manifestacións e
estaremos presentes nelas. Cremos que é vital para o futuro da
Enxeñaría Informática regular a profesión e as contratacións. A xornada
de paro vén convocada polo rexeitamento á proposición de lei presentada
polo PP no Congreso dos Deputados. Despois de loitar moito, conseguimos
que o PP e o BNG apoiasen a iniciativa, contra a que votaron o PSOE,
entre outros partidos. Xurdiu o descontento e o agravio para todos os
estudantes de Enxeñaría Informática, máis de 200 mil, polo que naceu
esta convocatoria.
Esperan ter éxito nas súas reivindicacións?
Esperamos que sexa un éxito. Temos dialogado cos ministerios, pero as nosas peticións non foron escoitadas. Cremos que é o momento doutro tipo de iniciativas, como esta manifestación convocada para o día 19.
E que pasará se non escoitan as súas peticións?
Será un momento moi doloroso, unha situación de desamparo fronte a outras titulacións. As competencias estarán en mans doutros titulados que tiveron un plan de estudos que non está tan enfocado a eses traballos. Vémolo como unha ameaza tamén para a sociedade, porque vai haber profesionais menos preparados para cubrir labores relacionados coa informática.