Existen 130.000 enxeñeiros/as e enxeñeiros/as técnicos/as en informática e 95.000 estudantes.
Estudantes, titulados e colexios de enxeñaría informática proseguirán as mobilizacións ata que o Goberno elabore as fichas académicas destes estudos e se regulen as as súas atribucións profesionais por lei.
Segundo manifestaron algúns dos seus voceiros, a moción aprobada polo Senado o mércores pasado é positiva, pero non suficiente.
A Cámara Alta instou o Goberno a que estude as posibilidades de que se dea igual trato a esta enxeñaría que ao resto no procedemento de elaboración dos novos plans de estudo e no recoñecemento por lei das súas atribucións profesionais.
"É unha moción moi blandita (sic), agradecemos o xesto do Senado, pero é claramente insuficiente; seguiremos ata que o Ministerio de Ciencia e Innovación propoña ás universidades as fichas e se regulen as nosas atribucións profesionais", indicou Álvaro González, un dos voceiros de alumnos de facultades e escolas de informática das universidades públicas de Madrid.
Aos colexios profesionais parécelles ben que o Senado pida ao Goberno a regulación profesional destes enxeñeiros e que esta "mensaxe clara" sexa apoiada por todos os grupos, incluído o PSOE. "Pero o Goberno fará o que crea conveniente; ata agora non está a facer nada", matizou o secretario do Consello de Colexios de Enxeñeiros en Informática, Jacinto Canales.
Algúns grupos de alumnos e enxeñeiros convocaron unha folga do sector para o 19 de novembro e a Asociación Nacional de Estudantes de Enxeñarías e Enxeñarías Técnicas en Informática (RITSI) mantén as concentracións dese día, apoiadas polo Consello de Colexios Profesionais, en demanda de varios compromisos
Canales advertiu da "desaparición" destes estudos, que ata agora formaban parte do catálogo oficial de titulacións cun mesmo nome e materias troncais en todas as universidades onde se ensina.
Agora, os estudos están regulados e a profesión non; a partir de agora, ningún dos dous o estarán, alertou Canales. "Cada universidade poderá implantar un sucedáneo de informática sen ningún tipo de contido común e poderá chamar ao seu título como crea oportuno; isto equivale a desaparecer", resaltou.
Canales pediu o mesmo trato que para o resto de enxeñarías, aínda que suxeriu que o Real Decreto de 2007 de ordenación das ensinanzas universitarias oficiais non facilita as cousas.
"Cando se trate de títulos -di o Decreto- que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España, o Goberno establecerá as condicións ás que deberán adecuarse os correspondentes plans de estudos".
Diso dedúcese, segundo Canales, que ser profesión regulada (algo que depende da iniciativa de Industria) é condición previa para que Ciencia e Innovación elabore as directrices académicas dos estudos.
Segundo datos dos colexios, existen 130.000 enxeñeiros técnicos e superiores en informática e 95.000 estudantes.