Críticas ao Ministerio de Ciencia e Innovación.
Os colexios profesionais de enxeñeiros en Informática decidiron apoiar as mobilizacións convocadas polo alumnado do sector para reclamar que as titulacións de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática entren dentro das propostas de títulos que habilitan para o exercicio das diferentes profesións de enxeñeiros.
O Ministerio de Ciencia e Innovación rexeitou unha proposición non
de Lei na que se solicitaba contidos e competencias para a Enxeñaría
Informática. Por iso, os estudantes de enxeñaría informática convocaron
unha folga para o próximo día 19.
A decisión de apoiar as protestas dos estudantes de enxeñaría en
informática foi adoptada durante unha reunión do Consello dos Colexios
profesionais de enxeñeiros en Informática, tal como informou Jacinto
Canales, secretario xeral do devandito órgano aglutinador de todos os
colexios profesionais nesa materia.
Na reunión do Consello, segundo Canales, tamén se deu o visto bo á
proposta das Escolas universitarias de Enxeñaría Informática de
presentar ante o Ministerio as fichas de grao e máster para a Enxeñaría Informática.
Estes centros elaboraron fichas cos requisitos mínimos que debería
ter a titulación de informática, malia que non lles foron solicitadas,
ao contrario que ao resto de enxeñarías, explicou Canales.
O pasado 23 de outubro o Ministerio de Educación presentou as fichas de grao e master de todas as enxeñarías menos a de informática,
co argumento, segundo os enxeñeiros informáticos, de que a enxeñaría
informática non ten atribucións porque é unha materia transversal que
non debe concentrarse nunha titulación concreta.
Coas súas protestas, os enxeñeiros informáticos advirten "dunha
diseminación importante das materias", que impedirá a existencia dun
marco para medir que é a enxeñaría informática, xa que carecerá de
regulación.
Segundo os enxeñeiros informáticos, a consecuencia será a
desaparición desta enxeñaría, aparte de que os títulos actuais deixarán
de ter validez e non se corresponderán con ningún dos europeos, polo
que o colectivo non poderá traballar en Europa.
O colectivo advirte de que "as novas fichas dos enxeñeiros de telecomunicación recollen as competencias da informática", polo que serán eles os que queden coa parcela de traballo dos informáticos".