Neste momento de incertidume ante o
futuro da nosa profesión, é a obriga do CPEIG informar a todos/as
os/as colexiados/as da situación actual, así como das medidas que o
CPEIG pensa adoptar de inmediato.
O pasado
23 de outubro o Ministerio de Educación presentou as fichas dos
novos títulos de Grao e Master de todas as enxeñarías menos a de
informática, cumpríndose así os nosos peores presaxios. Para tomar
esta decisión o ministerio argumentou que a nosa enxeñaría non ten
atribucións, que a informática é unha materia transversal e que
polo tanto non debe concentrarse nunha titulación concreta.
Por outra parte, o pasado xoves día
30, presentouse ante a Comisión de Ciencia e Innovación unha
proposición non de lei (en adiante, PNL), sobre contidos e
competencias da Enxeñaría en Informática, na que se instaba ao
Goberno a regular a nosa profesión. Esta PNL foi REXEITADA cos votos
en contra de PSOE (18) e IU (1), as abstencións de PNV (1) e CiU (1)
e os votos a favor de PP (16) e BNG (1).
Desde o CPEIG traballouse activamente
para que esta PNL fora aprobada. Proba delo son, por unha banda, a
propia autoría da mesma por un deputado Ourensán, e por outra o
voto a favor do BNG.
Ante a
avalancha de comentarios e actuacións xurdidas a raíz dás citadas
situacións, convén aclarar diversas cuestións para evitar
confusións e que todos/as os/as implicados/as entendamos a
complexidade da problemática presentada.
A carreira de Enxeñaría en
Informática non vai desaparecer a curto prazo. Moitas universidades
xa teñen elaborados os plans de estudo para o Grao ou o están a
facer nestes momentos. O CPEIG está a colaborar coas tres
universidades galegas neste eido.
Na lei de
adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior, o Goberno central
dispuxo que os plans de estudos das titulacións asociadas ás
profesións reguladas deberán axustarse ás súas leis de
atribucións. Este axuste materialízase na "ficha da
titulación", que é un compendio de contidos e competencias que
deben ter os/as titulados/as. Neste sentido "competencias"
non é o mesmo que "atribucións". As competencias son
"aquilo que se sabe facer", mentres que as atribucións son
"aquilo que a Lei che faculta para facer".
Para as profesións non reguladas non
hai fichas. Na práctica esto quere dicir que cada universidade pode
actuar baixo o seu criterio individual, sempre e cando as titulacións
respondan a uns mínimos moi xenéricos.
No caso da Enxeñaría de
Telecomunicacións, que si está regulada, existe unha ficha para
esta titulación e nela incluíron moitas competencias que son do
noso ámbito. A Enxeñaría en Informática non dispón de ficha, así
que a carreira que vai ter recoñecidas oficialmente as nosas
competencias, malia estudar menos créditos nas materias propiamente
informáticas, é a Enxeñaría de Telecomunicacións, quedando a
nosa titulación sen competencia algunha. Nesta situación os/as
Enxeñeiros/as de Telecomunicacións poderían dicir "posto que
se me recoñece competente para isto, outórgame a potestade legal
para facelo". Chegado ese punto, a nosa carreira e a nosa
profesión si que desaparecerían.
Para
evitar que cada universidade faga os plans de estudos de informática
á súa imaxe e semellanza, os colexios profesionais propuxemos á
Conferencia de Decanos e Directores de Informática (en adiante,
CODDI) que acadase un consenso para que en todas as facultades a
carreira fose moi parecida. Chegouse a este consenso e a un acordo co
Secretario de Estado de Universidades para que calquera carreira
denominada "Grao en Enxeñaría en Informática" tivese que
axustarse a estes parámetros.
Posteriormente, algunhas universidades
non respectaron o acordo anterior por presións desde os reitorados.
Complementariamente, outras universidades decidiron crear titulacións
non denominadas "Enxeñaría en Informática", pero que na
práctica albergan de xeito moi particular os contidos da nosa
carreira. Titulacións desta índole son "Enxeñaría de Sistemas", "Enxeñaría do Software",
"Enxeñaría Web", etc. Non obstante, na gran maioría das
universidades respectouse o consenso, de xeito que a carreira seguirá
sendo razoablemente homoxénea e seguiremos tendo base para loitar
polas atribucións profesionais.
Evidentemente, o CPEIG non vai a
permanecer inmóvil vendo como son pisotedas sen o menor escrúpulo a
nosa carreira e a nosa profesión. O vindeiro sábado 8 de novembro
está convocada en Madrid unha reunión dos presidentes e decanos de
todos os colexios profesionais de enxeñaría en informática de
España para coordinar as medidas a tomar. De igual xeito, os
colexios tamén nos estamos coordinando coa CODDI, ALI, AII2 e RITSI.
As accións que se están a barallar pasan por todas as posibles,
desde accións legais ata movilizacións.
En relación coa convocatoria de folga
para o vindeiro 19 de novembro que está a circular a través de
diferentes medios de comunicación, esta cuestión será debatida en
detalle na citada reunión, de xeito que a postura sexa única e
firme, xa que entendemos que facer guerras por separado non fai máis
que favorecer os intereses de quenes están a menospreciar a nosa
profesión.
Poderedes seguir de todas estas
cuestións, o resultado da reunión de Madrid e as posturas a adoptar
a través do portal do colexio.
Agora, máis que nunca, precisamos a
túa axuda e o teu apoio.