Educación presenta as fichas de todas as enxeñarías menos a de Informática.
Hai temporal no mundo dos informáticos. Decenas
de miles de persoas que posúen un título de enxeñeiro informático -ou
aquelas que están a estudar para conseguilo-, viron como as titulacións
de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática "caeron"
das propostas de títulos que habilitan para o exercicio das diferentes
profesións de enxeñeiros.
Como consecuencia diso, varios informáticos mobilizáronse e convocaron unha folga para o día 19 de novembro.
A orixe desta protesta sen precedentes está na decisión do
Ministerio de Ciencia e Innovación (Micinn) de rexeitar unha
proposición non de Lei na que se solicitaba contidos e competencias
para a Enxeñaría Informática.
A iniciativa, presentada a finais do mes pasado polo deputado
popular Jesús Vázquez, foi vetada por 19 votos (PSOE) en contra, 17 a
favor (PP e BNG), e as dúas abstencións de CiU.
Segundo comentan no seu sitio web, esta decisión está baseada en que
esta Enxeñaría, segundo sostén o Goberno, "non ten atribucións", así
como que "a informática é unha materia transversal -malia os esforzos de regulación da profesión-, e polo tanto non debe de concentrarse nunha titulación concreta".
¿Que implicacións ten o que non apareza a informática no repertorio
de enxeñarías? Segundo se queixa unha lectora afectada, "desaparecerá a
Enxeñaría (técnica) en Informática", e "o título de Enxeñaría
Informática non será homologable a ningún ao non existir
correspondencia cos novos títulos". Ademais, "os títulos actuais non
terán validez a nivel Europeo, terán a validez que as empresas lles
queiran dar".
Máis de 200.000 persoas (entre titulados e
estudantes) veranse afectadas por esta decisión, que ademais enfronta
aos Enxeñeiros informáticos cos de Telecomunicacións, xa que estes que
ven aumentadas as súas competencias a áreas como Internet,
microprocesadores, arquitecturas de computadores, interfaces,
usabilidade, seguridade, bases de datos, sistemas de información,
programación e 'software', entre outras.
A día de hoxe existen 11 colexios de enxeñeiros informáticos e oito
colexios de enxeñeiros técnicos en informática (todos autonómicos), así
como asociacións naquelas comunidades que non permiten constituír un
colexio profesional para a profesión, tal é o caso de Madrid.
Segundo datos do propio ministerio de Industria, os ingresos
derivados do sector informático representan polo menos un 1,6% do PIB
español.