O fundador de Microsoft crea unha nova empresa para xerar novas ideas tecnolóxicas, segundo a prensa de EE UU.
Oficialmente estaba retirado e dedicado enteiramente á fundación Gates,
pero o fundador de Microsoft, Bill Gates, creou unha nova e misteriosa
compañía chamada bgC3, segundo a prensa estadounidense.
A nova compañía, que xa ten rexistrado o seu dominio en Internet,
vai estar dedica a xerar ideas e produtos para Microsoft e a fundación
Gates, afirma TechFlash, un blog tecnolóxico de tres veteranos
xornalistas do sector.
O nome responde ao acronimo de Bill Gates
Company 3, e trataríase da terceira empresa fundada polo gurú do
software tras Microsoft e Corbis, unha axencia de venda de fotos e
dereitos de imaxes, ademais da Fundación Gates que dirixe xunto á súa
esposa Melinda.
A empresa rexistrouse como think-tank
(algo así como un banco de ideas) e está clasificada baixo termos
bastante vagos como "servizos tecnolóxicos e científicos", "análise e
investigación industrial" e "desenvolvemento e deseño de software e
hardware".
Documentos oficiais aos que tivo acceso o blog mostran
que a compañía se creou en marzo deste ano co nome de Carillon
Hóldings, pero cambiou a bgC3 o pasado 10 de xullo, dez días despois de
que Gates deixase o seu posto en Microsoft. As oficinas, situadas preto
da residencia de Gates, están equipadas coa tecnoloxía máis punteira de
Microsoft, como ordenadores con pantalla táctil.