O traballo, que inclúe a realización dunha enquisa, realízase en colaboración cos colexios profesionais de enxeñaría e enxeñaría técnica en informática de Galicia e a ACSUG.
Os colexios profesionais de enxeñaría e enxeñaría técnica en informática de Galicia (CPEIG e CPETIG), conxuntamente co Observatorio Galego da Sociedade da Información, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, están a elaborar un estudo sobre a situación profesional dos enxeñeiros
e enxeñeiras técnicos/as en informática galegos. Este traballo inclúe a
realización dunha enquisa e o posterior informe de diagnose.
A
enquisa estudará a situación dos profesionais das tres titulacións de
enxeñaría en informática (Enxeñaría en Informática, Enxeñaría Técnica en
Informática de Sistemas e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión)
egresados das tres universidades galegas. Para iso contará tamén coa
colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) en representación das universidades.
Para
obter un diagnóstico preciso a enquisa inclúe preguntas agrupadas en
varios bloques temáticos nos que se recollen todos os aspectos
relevantes que contribúan a analizar o perfil actual deste colectivo. O
estudo incluirá, entre outros indicadores, a porcentaxe de
enxeñeiros/as que está traballando dentro e fóra de Galicia, a súa
distribución xeográfica, o tipo de traballo que están a desenvolver, o
tipo de industria e sector que os empregan, as súas necesidades
formativas, o grao de satisfacción persoal coa profesión ou as súas
expectativas profesionais Os resultados finais do estudo serán
publicados para a súa libre distribución na Rede. As persoas
participantes na enquisa optarán a un sorteo de premios.
O
colectivo profesional dos enxeñeiros/as en informática, está
especialmente ligado ao sector das TIC, constituíndo un activo
fundamental na construcción da Sociedade da Información e na
modernización de Galiza.
Esta iniciativa está emarcada dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información
(PEGSI) que pretende poñer en valor todo o potencial de innovación e
investigación, definindo as directrices para que o noso país estea en
disposición de absorber este conxunto de profesionais altamente
cualificados.