A inauguración foi presididia por Emilo Pérez Touriño, que salientou que o centro, no cal se investiron preto de 4,5 millóns de euros, ofertará ensinanzas “punteiras e modernas” e anticipará as necesidades do mercado de traballo.
Ao acto de inaguración asistiu en representación do colexio o presidente Fernando Suárez, acto que foi presidido polo
titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.
O presidente da Xunta salientou que o Centro
de Novas Tecnoloxías de Galicia, que hoxe comeza a súa andadura e no
que a Consellería de Traballo investiu preto de 4,5 millóns de euros,
nace co obxectivo de “sensibilizar, promover e potenciar” o uso das
TICS na comunidade, impartindo unha “importante” oferta formativa
“especializada”, naqueles cursos máis demandados polo sector;
“gratuíta”, por canto permitirá acceder a esta formación a todo sos
demandantes da mesma, con independencia do seu poder adquisitivo; e
“certificable polo fabricante” algo que, sen dúbida, considerou
Touriño, contribuirá a mellorar a empregabilidade dos traballadores da
comunidade.
Ademais, Emilio Pérez Touriño, remarcou que este proxecto
do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia cobra “más valor” no actual
contexto de dificultade económica, ao formar parte das políticas
activas que está a desenvolver o Goberno galego para dinamizar a
economía e promover e favorecer a mobilidade e recolocación dos
traballadores no actual momento de desaceleración.
Na súa intervención durante o acto de inauguración, o máximo
mandatario autonómico explicou que outro dos cometidos fundamentais do
novo organismo será establecer os mecanismos necesarios que permitan
detectar e anticiparse ás tendencias e necesidades do mercado de
traballo. “As funcións máis destacadas que desempeñará o novo centro
abarcan tamén distintos aspectos relacionados co mundo da formación e o
emprego, tendo sempre presente o principio fundamental de colaboración
co mundo empresarial”, asegurou Touriño. Lembrou, ademais, que a Xunta
considera prioritaria a detección das novas tendencias tecnolóxicas
para poder anticiparse á formación de profesionais, servindo igualmente
de ponte entre a formación académica regrada e a demanda do mercado
laboral.
“Tamén resulta de vital importancia, para poder apoiar á industria
galega, servir de escaparate de produtos e desenvolvementos das
empresas da nosa comunidade, así como o apoio a outras entidades para a
realización de actividades relacionadas co marco competencial do
centro”, engadiu Touriño, lembrando que os investimentos en I+D son
“xeradores de emprego” e que o centro debe actuar como dinamizador do
mundo das novas tecnoloxías e as súas ferramentas.
Axenda de traballo
O presidente galego destacou, ademais, que o Centro de Novas
Tecnoloxías xa ten definida unha programación desde agora ata o mes de
xuño, encamiñada a conseguir un dobre obxectivo. Por unha banda,
analizar o mercado de traballo, en canto á actualización e estudo das
necesidades formativas na área profesional vinculadas ás TICS. Por
outra, a cualificación e formación de especialistas mediante a
realización de actividades formativas que permitan a obtención de
certificacións e títulos acreditados polos distintos fabricantes de
software naquelas tecnoloxías das que son propietarios e que posúen
validez mundial.
O programa de formación do centro ata xuño inclúe preto de 50 cursos
especializados en TIC. A programación formativa arranca coa
organización dun total de 16 actividades de formación, que se
impartirán ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. A modo
de exemplo, en outubro dará comezo un cursos dedicado á administración
de sistemas Windows Server 2008 - MCITP Server Administrator, cunha
duración total de 96 horas; en novembro impartirase unha actividade
relacionada co aprendizaxe de fundamentos de ITIL (metodoloxía para a
organización e desenvolvemento de proxectos). A media de persoas
participantes é de 15 alumnos.
Incorporación de empresas internacionais
Para converter o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia nun espazo
“punteiro e de primeira liña”, Emilio Pérez Touriño considerou
necesario incorporar ao seu proxecto formativo directamente e de acordo
co principio de neutralidade tecnolóxica, sen exclusión, ao maior
número de fabricantes de software que operan a nivel mundial no eido
das TICS.
Por iso se amosou satisfeito de presidir hoxe a sinatura de
distintos protocolos de colaboración entre a Consellería de Traballo e
as empresas punteiras co fin de establecer unha liña de traballo entre
a administración galega e o mundo da empresa, unha cooperación que
confiou en que sexa “estable e produtiva para ambos e beneficiosa para
os cidadáns”.
Emilio Pérez Touriño quixo agradecer ás entidades asinantes (Adobe
Systems Ibérica; CA IT Management Solutions Spain; Cisco Systems
International; Hewlett Packard Española; International Business
Machines; Microsoft Ibérica; Novell Spain; Oracle Ibérica; SAP; e Sun
Microsystems Ibérica) a súa “disposición para traballar con nós” e a
súa vontade de colaboración “neste ambicioso proxecto que poñemos hoxe
en marcha”.
A importancia da formación permanente
Amosouse confiado, ademais, en que este compromiso redundará nunha
mellora da formación dos traballadores galegos, consciente –dixo-, de
que a formación debe acompañar ás persoas ao longo de toda a súa vida.
Unha aprendizaxe “permanente”, que é o principio inspirador do
modelo de formación profesional que está a impulsar o Goberno galego,
co novo Plan de Formación Profesional aprobado este mesmo ano, que
aposta por un sistema de cualificacións e FP moderno, que incorpore a
capacidade de realizar funcións novas nas tres dimensións que debe
reunir este sistema: a cualificación, a formación e a orientación
profesional.
“Desde a Xunta de Galicia consideramos que a formación para o
emprego é un instrumento insubstituíble para mellorar a empregabilidade
dos traballadores e a competitividade dos sectores produtivos”, indicou
Touriño, lembrando que é unha obriga dos poderes públicos dar o impulso
institucional preciso para avanzar no camiño “que nos permita completar
o percorrido comezado, de cara a conseguir que o sistema de
cualificacións e de FP de Galicia constitúa o mecanismo estrutural para
a formación inicial, para o emprego e para a aprendizaxe permanente da
sociedade galega”.
“Esperamos que este novo centro se converta nun elemento vertebrador
do sistema de formación profesional para o emprego, permitindo ofertar
unhas ensinanzas punteiras e modernas que, sen dúbida –asegurou o
mandatario galego-, repercutirán moi favorablemente na cualificación
profesional das persoas traballadoras galegas, na súa calidade de vida
e, por extensión, na competitividade do conxunto das empresas do noso
país”.