O OSOR, que vén de ser presentado recentemente polo IDABC en Bruxelas, reproduce "mimeticamente" a estrutura de Mancomún como un "modelo de éxito" aplicado en Galicia dende hai máis de dous anos.
Esta estrutura baséase nun portal web que permite que tódalas institucións, organismos e persoas (a título individual) compartan o software libre que producen e intercambien os recursos e coñecementos que posúen da materia a través de servizos colaborativos e de observación tecnolóxica.
O feito de que Mancomún sexa o modelo escollido finalmente pola Comisión Europea para poñer en marcha o OSOR fai que esta ferramenta se converta nun referente europeo en materia de software libre contribuíndo ao asesoramento e desenvolvemento de proxectos internacionais orientados á maior difusión e implantación das tecnoloxías abertas.
A fin de contas, e tal e como sinalou Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información (principal entidade promotora do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia), "trátase non só de que Galicia sexa consumidora senón tamén produtora de recursos e servizos na Sociedade da Información e do Coñecemento".
Durante o acto (privado)de presentación do OSOR, os asistentes puideron debater sobre as posibilidades que abre a propia plataforma, os proxectos de éxito incluídos no repositorio e a futura orientación que adquirirá o proxecto.
Os responsables desta iniciativa veñen de anunciar que a versión definitiva da plataforma será presentada ao público en xeral no marco da Conferencia Mundial de Software Libre que terá lugar en Málaga no vindeiro mes de outubro.
A arquitectura do OSOR está construída sobre Plone e Gforge de xeito que, non so almacenan código fonte e aplicacións listas para o seu uso, senón tamén documentación sobre estas e información sobre as distintas licenzas de Software Libre e material sobre a contratación de servizos relacionados con tecnoloxías abertas.
Este sistema permite "albergar", de xeito semellante a como o fai Mancomún, servizos adicionais aos do propio repositorio como calendario de eventos, novas máis destacadas, foros e outros servizos colaborativos ademais dos ligados ao Observatorio.
O proxecto admite tanto software de balde, libre e de código aberto distribuído baixo as licenzas recoñecidas pola Fundación de Software Libre (FSF) e pola iniciativa de Código Aberto (OSI) como do código que é lanzado baixo a Licenza pública da Unión Europea (EUPL).
A iniciativa inaugura o intercambio de información, experiencias e código fonte de Software Libre entre as distintas administracións públicas a través da nova plataforma. A apertura deste fluxo permitirá aos membros da Unión Europea mellorar o retorno dos seus investimentos en tecnoloxías da información, así como facer as súas aplicacións máis interoperables.