A Xunta di que Mozilla ignora as súas propostas

É falso que ninguén se presentase a traducilo.

Tristan Nitot, cofundador de Mozilla EuropaMedra a polémica sobre o status oficial da versión en galego do popular navegador Firefox. Un dos responsábeis de Mozilla Europa asegura que 'non hai unha versión en Galiza' porque 'ninguén se presenta'. Agora a Consellaría de Industria acúsaos de levar varios anos sen responder as súas propostas.

Fontes oficiais da Xunta aseguran que "é falso que se diga que ninguén se presentou a traducir a versión en galego" pois "a Comunidade Galega xa traduciu o programa e está dispoñíbel en Mancomun.org". Tamén acusan á Fundación Mozilla de non responder "nos últimos cinco anos" ás peticións de integrar esta tradución no "repositorio canónico", o servidor central e oficial do Firefox.

Versión de Nitot

Cómpre lembrar que Tristan Nitot, un dos fundadores de Mozilla Europa, vén de asegurar que "hai unha versión en catalán de Firefox construída por voluntarios aos que lles importa o seu idioma, ao igual que a hai en éuscaro. Pero aínda non hai unha versión en Galiza".

Nitot alerta, segundo recolle Vieiros, que "se ninguén de Galiza se presenta, non haberá unha versión en galego".

Desde a Xunta indícase que seguirán tentando que a Fundación responda as súas propostas. Sobre a razón de porque non hai resposta para 'oficializar' a versión do país, a Consellería de Industria indica que "iso hai que preguntarllo a eles".

O programa en galego leva 10.000 descargas

O certo é que o navegador de software libre Mozilla Firefox na lingua do país pódese descargar de balde na web de Mancomun.org, dependente de Industria. De feito é -tras o OpenOffice- a ferramenta libre máis popular no país. Así, a tradución deste navegador descargouse 10.500 veces e outras 15.250 leva o seu corrector ortográfico, que tamén funciona con cliente de correo Thunderbird.