O Delegado do Goberno e o presidente do CPEIG manteñen unha xuntanza de traballo

A colaboración para atallar a ciber violencia, centro da reunión que tivo lugar na Coruña

Delegado Goberno

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, mantiveron unha xuntanza de traballo o pasado 2 de febreiro na cidade da Coruña.

Durante o encontro, que se desenvolveu na sede da Delegación do Goberno, acordaron explorar vías de colaboración e sumar así esforzos para atallar distintas formas de violencia exercida a diversos colectivos, como poden ser as mulleres ou os menores. 

Cómpre lembrar que tanto o CPEIG como a Delegación do Goberno teñen unha importante presenza nos centros educativos e noutros eidos a través do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, coa organización de charlas de concienciación e divulgación  contra a ciber violencia ou acoso

A previsión é que nas vindeiras semanas se materialice a colaboración entre o CPEIG e a Delegación do Goberno en iniciativas concretas para desenvolver a medio prazo.

Con esta xuntanza de traballo, o CPEIG inicia a rolda de contactos do presente ano 2016, dirixida, por unha banda,  ao fomento do coñecemento do ente colexial entre as máis altas autoridades e institucións de Galicia e, por outra, a concretar acordos a prol das colexiadas e colexiados, e da sociedade galega en xeral.