“supuxo un antes e un despois no desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza”
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e mailo
conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, veñen de
presentar de xeito conxunto o primeiro informe de seguimento do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010) que, segundo palabras de Quintana, “supuxo un antes e un despois no desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza” ó contar, por primeira vez, cunha estratexia para a implantación das TIC no país.
Durante o acto de presentación, Quintana salientou que o PEGSI é a ferramenta que está a permitir que en Galicia se mude “a economía do cemento pola economía do coñecemento”,
algo fundamental para crear un modelo económico sólido que nos protexa
dos vaivéns da economía internacional e que estea altamente
diversificado, “relativizando así o peso da construción como motor da economía”.
O goberno galego aposta, mediante o PEGSI, por un modelo económico
baseado na tecnoloxía, na innovación e no coñecemento e destina para o
mesmo un orzamento total de 810 millóns de euros para o período
2007-2010.
O vicepresidente asegurou que os datos do primeiro ano de PEGSI “convidan ó optimismo”
xa que demostran que se puxeron en marcha 279 accións enmarcadas nas 26
liñas de actuacións definidas no Plano. Asemade, o emprego no sector
das TIC medrou un 35,8 por cento nos dous últimos anos, pasando de
11.500 traballadores no primeiro trimestre de 2006 a 15.700 no mesmo
período de 2008 e o número de empresas do sector das novas tecnoloxías
da información e a comunicación aumentou un 27,5 por cento entre 2004 e
2007, chegando ás 1.500 empresas.
Quintana ratificou ademais que os
avances no campo da Sociedade de Información en Galiza se poden
visualizar tamén nos instrumentos que se teñen posto en marcha nos
últimos meses, tales como o Observatorio Galego da Sociedade da
Información, a Plataforma Tecnolóxica Vindeira ou a instalación do superordenador Finisterrae no CESGA.