A sentenza resolve que o Dereito Comunitario non
obriga aos Estados a divulgar datos persoais para así garantir
a protección efectiva dos dereitos de autor no marco dun procedemento
civil.
Non é unha novidade que Internet pode ser un ámbito agresivo para o
dereito do cidadán a non ser importunado. Sobre todo, naqueles
aspectos da súa vida que, salvo consentimento previo, desexa preservar
de intromisións, ou fronte a aqueles datos que circulan na Rede e que o
identifican sen que medie un interese obxectivo que xustifique a
publicidade e que faga disminuir os seus dereitos ao *habeas data e á
intimidade.
Por esta razón, é importante a recente sentenza do Tribunal de Xustiza
das Comunidades Europeas, de 29-1-2008 (Asunto Promousicae /
Telefónica de España).
A resolución do Tribunal de Luxemburgo produciuse con motivo dunha
cuestión prexudicial exposta por un xulgado mercantil español, na que
lle preguntaba se o Dereito Comunitario impón aos Estados da Unión
Europea o deber de comunicar datos persoais no contexto dun
procedemento xudicial iniciado para garantir os dereitos de autor. Non
hai que esquecer que a decisión prexudicial é unha vía procesual da
que dispón os xuíces nacionais para dirixirse ao Tribunal de Xustiza,
na súa condición de máximo garante do Dereito Comunitario, para que
interprete ou determine a validez do mesmo. Un Dereito que obriga a
todos os Estados membros e que prima sobre os Dereitos nacionais.
Pois ben, no contexto da sociedade da información, onde Internet
ostenta un progresivo protagonismo, unhas directivas comunitarias teñen
por finalidade que os Estados garantan a protección da propiedade
intelectual que se verte sobre a Rede, particularmente, os dereitos de
autor. Pero iso non ha de ser óbice para respectar as esixencias
propias do habeas data, isto é, o dereito do cidadán a dispor sobre o
contido do fluxo de información que sobre el circula pola Rede. Por
iso, outras directivas regulan a protección destes datos, aínda que
ofrecen aos Estados a posibilidade de establecer excepcións á
obrigación de garantir a confidencialidade dos datos que integran o
tráfico informático.
Estas excepcións pódense producir no marco dunha investigación criminal
ou para a salvagarda da seguridade pública e da defensa nacional.
Pero tamén cando sexan necesarias medidas para a protección dos
dereitos e liberdades doutras persoas.
Neste sentido, o Tribunal interpreta que a directiva sobre privacidade
das comunicacións electrónicas non exclúe do seu ámbito de aplicación a
protección do dereito de propiedade intelectual. Agora ben, iso non
comporta a obrigación indeclinable dos Estados de impor aos operadores
o deber de divulgar os datos persoais do usuario no marco dun proceso
civil. Xa que logo, o prestador dun servizo de acceso a Internet non
está autorizado para divulgar estes datos salvo nos supostos de
persecución do delito ou cando corra risco a seguridade do Estado.
No caso das relacións xurídicas privadas, o dereito ao habeas data ha
de ser obxecto dunha maior protección. E iso é o que interpreta o
Tribunal de Luxemburgo, aínda que modula o seu criterio instando aos
Estados en caso de conflito de dereitos como os de propiedade
intelectual e protección de datos, a que se ateñan ao principio de
proporcionalidade. É dicir, que a restrición dun deles garde relación
de causalidade coa finalidade perseguida, ou que o beneficio obtido
sexa superior á limitación imposta.
En razón diso e no caso que nos ocupa, resulta sensato limitar o deber
do operador de divulgar os datos persoais do usuario de Internet.
Porque sen negar os beneficios e o progreso que ofrece, o certo é que a
Rede non pode converterse nun instrumento para espir ao cidadán e
deixalo na intemperie da decisión omnímoda das empresas operador.
Con este criterio especialmente garantista da sentenza comunitaria
alíñase tamén unha sentenza sobre liberdade de expresión en Internet.
Foi ditada en outubro pasado polo Tribunal de Gran Instancia de París,
que eximiu de responsabilidade á Fundación Wikimedia, propietaria de Wikipedia, a coñecida e singular enciclopedia en liña con base en
Florida, por contidos lesivos e atentatorios á intimidade nun dos seus
artigos.
O tribunal francés estimou que a citada Fundación carecía de
responsabilidade editorial, posto que non lle correspondía exercer
control algún sobre o contido dos artigos que alberga, salvo excepcións
fixadas pola lei francesa cando se trate de textos manifestamente
ilícitos, é dicir, de carácter pedófilo ou abertamente racistas ou negacionistas. Está claro que a exención de responsabilidade de Wikipedia non inclúe aos autores materiais da voz ou artigo, sempre
que poidan ser identificados. Todo o cal, supón un novo reto que as
novas tecnoloxías da información e a comunicación expón ao mundo
xurídico, a fin de procurar a efectiva tutela de todos os dereitos
afectados.