Segundo indica o último barómetro de febreiro publicado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), o 49,6 % da poboación do conxunto do Estado utiliza actualmente Internet, e deles o 64,6 por cento faino todos ou case que todos os días.
A outra metade dos cidadáns que non o usan, aseguran que o motivo principal é que non saben utilizalo (38,6%), que non lles gusta nin lles interesa (31,8%) ou que non teñen doado o acceso (11,6%).
A práctica totalidade usa a Rede para buscar información; o 78,7% para o correo electrónico; o 47,9% para descargar arquivos musicais, vídeos e filmes; e o 45,8 para foros, chats e sistemas de mensaxería instantánea.
Do total dos enquisados, o 51,5% ten conexión a Internet e un 86,8% teléfono móbil - tres puntos máis que os que teñen teléfono fixo.
O último barómetro do CIS ocúpase tamén da protección de datos e a privacidade das persoas.
O 80% dos usuarios recibiu nalgunha ocasión correos non desexados (spam) e máis da metade (57,8%) afirma que se asegura de que as páxinas nas que entran son fiables, lendo as súas políticas de privacidade. Aínda así, os internautas son conscientes nun 51,7% de que ao usar Internet quedan datos persoais rexistrados.
Un pouco máis da metade dos cidadáns (52,4%) coñece a existencia da lei que protexe a intimidade persoal e familiar, aínda que o 34% acudiría directamente ao xulgado se quixese denunciar a utilización dos seus datos sen o seu consentimento, e só un 15,5% faríao a través do organismo público encargado de tutelar ese dereito. De feito, a maioría (51,4%) descoñece a existencia da Axencia Española de Protección de Datos.
A chamada "piratería" preocúpalle pouco ou nada ao 74,9% e bastante ao 5% das persoas enquisadas. De feito, preto da metade realiza descarga de arquivos aínda que, a procura de información é a actividade máis importante cun 91%.
En relación ao comercio electrónico, os cidadáns seguen mostrando desconfianza á hora de facer diversas xestións en Internet, como dar o seu número da tarxeta para realizar algunha compra (53,5%), realizar operacións bancarias (43%) ou facer a declaración da renda (30,2%).