O finado investigador Víctor Gulías, Premio Traxectoria Profesional do CPEIG

A familia recibirá o galardón no mes de novembro, na gala da Noite da Enxeñaría en Informática
Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu concederlle a título póstumo o Premio Traxectoria Profesional -dentro dos galardóns que concede anualmente na Noite da Enxeñaría en Informática- ao profesor, investigador e emprendedor Víctor Gulías Fernández, falecido recentemente.

O homenaxeado foi director do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e profesor titular na Universidade da Coruña. 

Para o CPEIG, Víctor Gulías é un referente polo moito que traballou a prol da dignificación da profesión e a favor das TIC, esforzo que o CPEIG xa lle recoñeceu publicamente en ocasións anteriores. Asemade, Gulías representa, como emprendedor, un exemplo de que é factible crear solucións empresariais competitivas globais desde Galicia e apostar pola internacionalización das nosas empresas.

Este serán a Facultade de Informática da Coruña tributaralle unha merecida homenaxe no salón de actos do centro. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, asistirá ao acto.

A familia do homenaxeado recibirá o premio do CPEIG no transcurso da Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática, que se celebrará no mes de novembro, en Santiago de Compostela. O galardón insírese nos Premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, gala que o CPEIG celebra anualmente. Este evento representa un punto de encontro para os colexiados e colexidas, e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.