A investigación sobre as TIC e as políticas de
innovación son os elementos esenciais da estratexia europea para acadar
a Sociedade da Información.
O
investimento en Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+I) é
para os economistas unha das chaves para manter e aumentar o crecemento
e a produtividade. Esta consideración cobra unha relevancia especial no
ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) por
tratarse dun elemento tractor da Sociedade da Información.
Viviane Reding, a responsábel da área de Sociedade Información da Comisión Europea fixo o pasado día 21 un balance positivo sobre os avances máis significativos neste eido durante o 2007. No seu discurso
mostrouse optimista e mesmo augurou un importante futuro á
investigación sobre as TIC e as políticas de innovación en toda Europa.
A Comisaria afirmou no seu discurso que case a totalidade da innovación
tecnolóxica depende das TIC. A estratexia da Comisión Europea de
aumentar a escala e o impacto dos investimentos en I+D+I sobre as TIC
estaría fundamentada pois nas expectativas dun maior crecemento
económico. Desde esa perspectiva as TIC son esenciais para o
desenvolvemento de novos produtos e servizos para abastecer os mercados
mundiais e para modernizar os servizos públicos.
Co ollo posto na próxima rolda de convocatorias de
propostas TIC na conferencia que terá lugar en Lyon en novembro deste
ano, a comisaria, afirmou que durante o ano 2008 a Comisión e os
estados membros da Unión establecerán as prioridades e poñerán en
marcha novas accións de investigación sobre as TIC e políticas de
innovación que terán grande impacto na sociedade europea e na súa
posición industrial na próxima década.
Entre as propostas da Comisión está a reforma do
marco regulador de comunicacións electrónicas, seguir promovendo a
competencia, axudar ás empresas a investir na innovación e apoiar o
acceso dos consumidores a novos produtos e servizos. Para a comisaria
Reding isto debería colocar a Europa nunha posición de liderado.
Desde a Comisión apuntan algunhas materias onde
Europa debe estar na vangarda innovando e desenvolvendo a próxima
xeración de compoñentes TIC e mesmo se pretende a "aceleración" dos
mercados de gran potencial (e-saúde, sustentabilidade das TIC...). Isto
require, a xuízo de Reding, actualizar e perfeccionar as políticas
europeas de investigación e innovación en TIC a través dos instrumentos
políticos, financeiros, de coordinación e regulamentación con que
contan os gobernos. Segundo a comisaria estas novas políticas son as
que crearán as condicións adecuadas en Europa para a nacente “economía
dixital”.