En apenas dous anos o uso do software libre duplicouse nas PEMES de Galiza, subindo nos centros educativos do 20% até o 65%.
O Observatorio de Software Libre de mancomun.org presentou hoxe o Informe da situación actual do Software Libre nas entidades de Galiza.
Este é un estudo sobre o nivel de implantación do Software Libre en
Galiza que abrangue catro ámbitos diferenciados: concellos, os centros
de ensino non universitario a PEME e a PEME TIC.
A principal conclusión que se pode tirar dos datos
que ofrece este estudo é que o uso do Software Libre aumentou
considerablemente en todos os ámbitos durante o período 2006-2007.
Segundo o OSL as aplicacións en código deixan de ser unha tecnoloxía
case exclusiva da PEME do sector TIC e penetra con forza en todos os
demais sectores. Destacan especialmente o ámbito da pequena e mediana
empresa, onde se duplicou o número de empresas que empregan ferramentas
libres na súa actividade diaria. A evolución é aínda moito máis
espectacular nos Centros de Ensino onde se triplicou o número de
centros que as empregan.
Cómpre salientar que o uso do software libre no
segmento das empresas medianas (50-249 empregados) pasou do 10% ao 40%.
Isto supón, para os autores do estudo, unha normalización da situación,
pois este segmento de empresas é o que presenta sempre un maior uso das
TIC. Do mesmo xeito nas PEME do sector TIC o segmento de maior
crecemento é o das empresas maiores (10-49 empregados) que pasou dun
40% a un 63%. As aplicacións máis empregadas son as de Ofimática e as
relacionadas con Internet: navegador, xestor de correo electrónico e
xestores de contidos (CMS).
As entidades galegas móstranse moi satisfeitas co
uso do Software Libre, outorgándolle unha cualificación de Notable ao
seu nivel de satisfacción. Na maioría dos casos este nivel é superior
ao que teñen polo uso do software privativo. Ademais a maioría delas
recomendarían o uso do Software libre.
Unha ampla maioría das entidades conta con
aumentar o uso do Software libre e practicamente ningunha prevé
diminuílo. A percepción sobre a evolución do mercado do Software libre
é moi optimista. Así máis da metade das entidades cre que o mercado
aumentará e as demais consideran que se manterá no seu estado actual.
Segundo o Observatorio de Software Libre, os
provedores deste tipo de software son principalmente galegos o que
reforza a idea de que o código aberto funciona como elemento tractor e
dinamizador do tecido empresarial no ámbito das TIC. Non obstante, a
maioría de empresas que aínda non usan software libre non consideraron
a posibilidade de facelo e o descoñecemento e a falla de formación é o
motivo. Isto indica que, a pesar dos esperanzadores resultados
anteriores, aínda queda moito que traballar a prol da difusión do
software libre na sociedade galega.
Novas actuacións
O Consello da Xunta aprobou o xoves pasado unha medida da Consellaría de Innovación e Industria
coa finalidade de apoiar a realización de actividades que promocionen o
software libre en Galiza. A Consellaría transferirá 675.000 euros ao
Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) que han servir ademais para promover o desenvolvemento dun Centro de Referencia e Servizo de software libre
que sexa capaz de aglutinar e colaborar na xestión das distintas
iniciativas para a promoción do software libre promovidas polo
departamento, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os
recursos e servizos que caracterizan a sociedade da información.