AETIC vén de presentar o "Estudio sobre salarios y política laboral en el sector de la Electrónica, las Tecnologías de la Información y las Telecomunicaciones, 2007" no que se confirma como primeira conclusión a estabilidade laboral neste ámbito, xa que o 83,5% dos profesionais do sector son contratados de carácter fixo, fronte a un 16,5 por cento de contratos temporais.
A asociación empresarial española analizou o panorama laboral durante 2007 e, entre os resultados globais incluídos no informe, destaca o alto número de traballadores con formación superior, co 57,5% dos empregados do sector titulados. Por carreiras, dominan os informáticos (28,9% do total) e os Enxeñeiros de Telecomunicación, cun 21,5%, seguidos polos licenciados en Económicas e Empresariais cun 10,3%.
Por outra banda, o 64,2% dos empregados do sector son homes, fronte a un 35,8 por cento de mulleres. E a idade media dos traballadores do sector TIC é de 35,2 anos.
En canto ao tipo de xornada, destaca a fixa-partida (55,6%), seguida da flexible (27%) e a fixa-continua (17,5%).
Estímase que o 60,3% das empresas participantes no estudo ten previsto incrementar os seu persoal ao longo de 2008, mentres que o 36,5% das compañías prevé manter en 2008 o seu volume de empregados e só o 3,2% pensa reducir os seus efectivos.
O estudo analiza 80 categorías profesionais, estruturadas ao longo de sete departamentos típicos en empresas do sector tecnolóxico (comercial, administrativo, desenvolvemento-técnico, administrativo-finanzas, explotación, mantemento, compras-loxística, e planta).
Os salarios varían en función do departamento e a categoría laboral desempeñada. Na franxa máis alta sitúanse os 97.970 euros anuais que percibe, como media, o director comercial, e os 86.459 euros do responsable da área administrativa e de finanzas.
Para a elaboración da presente edición do estudo da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnologías de la Información y Telecomunicaciones de España, tivéronse en conta os datos facilitados por un total de 63 empresas do sector, cun total de 61.494 empregados. O estudo ofrece unha análise global e análises específicas en función da actividade principal das compañías e do seu tamaño.