O gurú da intelixencia emocional ofreceu unha charla en Santiago, convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
Emilio Duró, considerado un dos gurús da intelixencia emocional a nivel europeo, ofreceu esta tarde unha charla convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Para o relator, o coeficiente de optimismo é a base do rendemento persoal e profesional e así llelo explicou ás 250 persoas presentes na sala.
Segundo Duró, nos últimos anos comprobouse que entre o 80 e o 90 por cento do éxito profesional depende da actitude que se adopta fronte á vida. A xeito de conclusión, incidiu en que cómpre fortalecer a motivación individual para lograr melloras significativas no rendemento profesional, a través da mellora persoal e na procura de persoas que xestionen os cambios, traballen mellor, sexan máis responsables, comuniquen mellor, sexan máis pro-activas e saiban transmitir todo iso á súa vida profesional e á persoal.
Asemade, destacou a importancia da busca da felicidade dos individuos a prol dunha redución do número de depresións e ansiedades, que supoñen "o maior custo laboral para unha empresa", afirmou Duró. De aí que as grandes firmas empresariais "invistan no cambio actitudinal individual e colectivo". Afondou nesta idea e indicou que as investigacións máis recentes apuntan a que a calidade no desempeño profesional depende, esencialmente, da calidade persoal que achega a persoa.
Licenciado en Ciencias Económicas e Master en Administración de Empresas pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE), Duró dedica parte do seu tempo ao estudo da aprendizaxe en idades temperás e, mediante experiencias e anécdotas, adoita desmostrar que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si, en cambio, ao desenvolvemento emocional.
TRÍO DE EXPERTOS
O CPEIG convidou a tres expertos -Emilio Duró, Enrique Dans e Luis Huete- a que compartan os seus coñecementos no ciclo de charlas que organiza sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional. A inscrición para asistir a todas ou cantas sesións se desexe pode realizarse a través deste enlace do portal do CPEIG.
O vindeiro conferenciante será Enrique Dans, quen intervirá o día 10 de xuño no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago coa charla Novos escenarios tecnolóxicos: poñéndonos as pilas. Este profesor de Sistemas de Información en IE Business School desde o ano 1990 é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidad de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.
Finalmente, Luis Huete pronunciará a súa charla o día 18 de xuño, baixo o epígrafe Transformando organización ao ritmo dos mercados. Huete, licenciado en Dereito, é profesor de IESE Business School desde 1982. Foi profesor nos programas Achieving Breakthrough Service e Advance Management de Harvard Business School (Boston). Como profesor visitante participa regularmente en programas da ESMT (Berlín), ISEM Fashion Business School (Madrid) e outras escolas de negocio de prestixio. Asemade, é autor de nove libros de referenza do management en España. Está considerado coma o mellor gurú do management español.
Este ciclo de charlas, programado en colaboración coa Xunta de Galicia, está dirixido a complementar os coñecementos técnicos dos/as executivos/as de empresas e de todas aquelas persoas que participan en organizacións coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida mediante a potenciación das aptitudes fundamentais, a través da consideración do capital humano como recurso na procura de vantaxes competitivas.